Falece un home tras caer co seu vehículo ao mar no porto de Bueu
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home faleceu na madrugada desde venres no porto de Bueu tras sufrir un accidente no que o seu vehículo acabou no mar.
Os feitos sucederon sobre as cinco da madrugada. Por motivos que se descoñecen, o vehículo conducido por esta persoa caeu ao mar no recinto do porto, en concreto, onde se sitúan os barcos que parten cara a Illa de Ons.
O 112 Galicia tivo constancia do sucedido a través dun particular que xa sinalaba que, posiblemente, había unha persoa no interior do turismo.
Os axentes da Policía Local confirmaron ao 112 que o vehículo estaba totalmente afundido e, entre tanto, Salvamento enviou cara o lugar dous buzos que, pouco tempo despois, rescataron o corpo e confirmaron que o único ocupante do coche estaba falecido.
Segundo informou o 112 Galicia, a pesar dos esforzos dos equipos de emerxencias desprazados ata o lugar, nada se puido facer por salvarlle a vida.
Por mor do ocorrido realizouse en Bueu un amplo despregamento de servizos de emerxencias que inclúe ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, o servizo de Gardacostas de Galicia, Salvamento Marítimo, a Garda Civil, os Bombeiros do Morrazo, a Policía Local e Protección Civil de Bueu.
Os medios de intervención seguen traballando no lugar para sacar o automóbil da auga, entre outras cousas, porque se atopa nunha zona de paso de embarcacións.
A Garda Civil trata de aclarar as circunstancias do suceso.