Greenpeace: "O que urxe agora é que Ence sexa por fin realista e comece a planificar o seu peche en Lourizán de inmediato"

Por Redacción
A organización ecoloxista Greenpeace analizou este venres por primeira vez a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga de 60 anos concedida a Ence polo goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016. A entidade, unha das tres que sostivo o recurso xunto co Concello e a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), "celebra" o resultado do fallo e cre que xa é momento de mirar cara adiante.
Así, Greenpeace quere resaltar que "o que urxe agora é que Ence sexa por fin realista, deixe de tentar cambiar leis ao seu gusto e fichar a políticos para o seu consello de administración, e comece a planificar o seu peche en Lourizán de inmediato, independentemente de que se poida trasladar a outro lugar ou non".
Ademais, a organización anunciou este venres a través dun comunicado que interpelará á Xunta e o Goberno de Estado para que comecen a facer os estudos pertinentes e recuperar a marisma de Lourizán para o patrimonio natural galego, "restaurando o desastre xerado nos últimos 60 anos" de presenza de Ence en Lourizán.
Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, insiste en que "hai actividades que segundo a lei de Costas non poden estar en dominio público, iso deixa claro a lei e o fallo da Audiencia Nacional" e lembra a Ence que "tivo moito tempo para un posible traslado e protexer de maneira efectiva os empregos, pero non quixo. Preferiu empregar outras tácticas cando menos discutibles".
O colectivo tamén sinala que non considera que esta sentenza poña en perigo outro tipo de actividades e empregos, especialmente as relacionadas co complexo mar-industria, pois moitas si parece obrigado que se realicen a pé de mar".
A sentenza dada a coñecer hai unha semana, segundo Greenpeace, "abre por fin a porta para que Ence salga do dominio público marítimo-terrestre da ría de Pontevedra o máis pronto posible", como veu reclamando este colectivo desde a década de 1990, ao considerar a actividade de Ence incompatible coa súa presenza no litoral pontevedrés.
Eva Saldaña, directora executiva de Greenpeace España, valora o fallo como "unha fabulosa noticia" non só para o medio ambiente galego e peninsular, senón para todas aquelas persoas e organizacións que, como eles, defenden que os intereses políticos e económicos "nunca deben pasar por encima do ben común e a protección da natureza".
O colectivo confía ademais en que se acabe confirmando en sentenza firme no Tribunal Supremo e sinala que a sentenza é "clara e contundente nos seus fundamentos "e deixa ver a claridade da súa posición respecto a a improcedencia da prórroga da concesión.
Greenpeace estima tamén que, no caso de que a sentenza sexa firme, "pode ser moi relevante para outros casos nos que actividades lesivas que pola súa natureza non teñen porqué estar en dominio público deixen de ocupar o mesmo".
Relacionadas:
-
A APDR traslada a súa preocupación ao Consello Consultivo ante os "intentos do Goberno galego por favorecer a Ence"
Por Redacción |
-
Os comités de Ence retan á ministra Teresa Ribera a convocar a mesa de diálogo xa e en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Traballadores de ENCE anuncian mobilizacións e CC.OO constituirá unha plataforma de afectados polo peche
Por Manu Otero |
-
O BNG urxe convocar a Mesa de ENCE para buscar alternativas fóra da ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Protesta de traballadores de ENCE polas rúas de Pontevedra demandando a mesa de diálogo
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Carmela Silva pide ao Goberno central, Xunta e ENCE que senten a dialogar para "manter os postos de traballo"
Por Anxo Lourido |
-
Colmenares advirte ao comité de ENCE que pechará se o recurso non prospera: "Non hai outra localización"
Por Anxo Lourido |
-
O comité de empresa de ENCE forza unha entrevista coa subdelegada co obxectivo de poñer data á mesa de diálogo
Por Anxo Lourido |
-
"Máxima preocupación" na Autoridade Portuaria ante o posible peche de ENCE
Por Alejandro Espiño |