Caldas de Reis rehabilitará o lavadoiro do Umia e a súa contorna
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis levará a cabo a mellora e posta en valor do lavadoiro tradicional situado na ribeira do Umia, próximo á casa do Concello e da súa contorna.
Segundo explicou este venres o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, o proxecto consistirá na adecuación do entorno do lavadoiro, que consta de dúas partes ben diferenciadas pero conectadas no seu obxecto.
Desta forma, limparán os terreos lindeiros e repararán o depósito usando materiais de características iguais aos existentes para preservar a súa imaxe orixinal.
Por outro lado renovarán o tellado do lavadoiro de forma integral, é dicir, substituirase tanto a estrutura de madeira como a cuberta de tella plana. Neste caso, os materiais que empregarán serán iguais aos existentes de modo que manterán a estrutura actual.
Gonzalez tamén destacou que se trata dun ben catalogado no Plan Xeral de Ordenación Municipal e incluído no Catálogo do Patrimonio de Caldas de Reis, polo que goza de protección patrimonial. A actuación terá un orzamento duns 17.000 euros dos que 8.176 foron concedidos ao Concello a través dunha axuda do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla-Umia.
Finalmente, explicou que unha vez recibida a axuda por parte do GDR se iniciarán os trámites para a contratación das obras de cara a executalas coa maior celeridade e sinalou que "aínda que este tipo de lavadoiros perderon o seu uso orixinario, son bens moi presentes no noso municipio que gardan un relevante valor etnográfico e cultural e son moi queridos polos veciños como parte da súa identidade, polo que é importante traballar na súa preservación".