Cerdedo actualiza a súa imaxe urbana coincidindo coas Festas do Ecce Homo
Por Redacción
A actualización e mellora da imaxe urbana de Cerdedo xa rematou. Coincidindo coa celebración das Festas do Hecce Homo, o Concello levou a cabo esta remodelación repintando rúas, pasos de peóns, renovando o mobiliario urbano, plantas ornamentais e elementos complementarios dos espazos de convivencia veciñal como prazas, fontes e xardíns.
A actuación permitiu mellorar a imaxe do centro urbano de Cerdedo, comezando por unha limpeza a fondo dos viais interiores e camiños así como polas prazas de principais rúas. Seguidamente, repintaron as liñas de delimitación das rúas e tamén os pasos de peón e zonas de carga e descarga e estacionamento.
Outro dos elementos que centraron a intervención foi a renovación das flores dos maceteiros das zonas axardinadas coa intención de mellorar o aspecto e facer máis alegres e agradables os espazos de convivencia veciñal como as prazas e xardíns.
En canto ó mobiliario urbano, repararon os elementos que sufriran o efecto do vandalismo e repoñendo outros como papeleiras que estaban destrozadas ou simplemente desapareceran da súa ubicación habitual.
A intención do alcalde, Jorge Cubela, é seguir na liña dos últimos tempos de poñer en práctica unha xestión equilibrada entre a prestación de servizos públicos e o realce dos espazos de convivencia veciñal tanto nas vilas como nos núcleos rurais de todo o municipio.
Esta nova imaxe coincide coa celebración das Festas do Ecce Homo, ás que Cubela convidou a veciños e visitantes a disfrutar con seguridade e responsabilidade.
PROGRAMACIÓN FESTAS DO ECCE HOMO
A Banda de Cerdedo ofrecerá un concerto o sábado 24 de xullo a partir das 20:30 horas na Praza do Concello con asistencia do público gratuíta.
O peche do programa será o domingo 25 de xullo co pasarrúas por Cerdedo a cargo da charanga Charandonga, que desde as 18:00 horas percorrerá as principais rúas e prazas da vila cerdedense.