Novos estudos demostran que o xacemento da Lanzada é do tamaño da praia de Silgar
Por Redacción
Durante o mes de abril realizábase unha prospección arqueolóxica con radar na contorna do xacemento da Lanzada ofrecendo uns resultados "espectaculares", segundo manifestaban este venres a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o arqueólogo provincial Rafael Rodríguez.
Estes traballos con todos os datos obtidos examináronse durante tres meses en laboratorio para ordenalos e confirman que o asentamento situado no istmo da Lanzada se espallaría desde a capela ata a urbanización situada nas proximidades desta paraxe, cruzando por baixo da actual estrada de titularidade autonómica PO-308.
Para obter estes novos datos utilizáronse equipos de xeorradar e radar magnético, que ofrecen un nivel de interpretación máis detallado alcanzando os 2,20 metros de profundidade e definen ata as estruturas construtivas nas que se utilizaba o lume dentro do asentamento.
A extensión do xacemento é superior a 20.000 metros cadrados, un espazo similar ao da praia de Silgar, con densidade de ocupación e unha estrutura complexa da que se coñece unha zona escavada de ao redor de 2.500 metros cadrados, en traballos realizados en 2010 e 2016-17.
Os estudos demostran que o asentamento é dez veces máis grande que a zona escavada. Rafael Rodríguez sinala que o xacemento é "brutal, impresionante pola súa arqueoloxía", proba diso é que se detectaron 107 "anomalías", termo que se utiliza para definir as evidencias de construcións pétreas circulares, rectangulares ou lineais.
Neste espazo existían vivendas que ocupaban ao redor do 80% do terreo e tamén instalacións produtivas como unha salina de maior dimensión da que se previu, un foso posiblemente utilizado como elemento de defensa, fornos e ata un probable crematorio.
Carmela Silva mencionou que o arqueólogo provincial sempre fai referencia á zona da Lanzada como un libro de historia, que ofrece numerosos datos da evolución social desde o século VIII antes de Cristo ata a Idade Media.
A presidenta provincial destacou que a provincia "aposta por referenciar e coidar o seu patrimonio", para a continuación lamentar actuacións pasadas, "é intolerable o que se fixo no pasado, construíndo viarios e residencias sobre espazos tan impresionantes como A Lanzada".
Relacionadas:
-
Denuncian que o xacemento arqueolóxico da Lanzada está abandonado e "parcialmente derruído"
Por Redacción |
-
A singularidade arqueolóxica e antropolóxica da necrópole da Lanzada ve a luz grazas a unha investigación universitaria
Por Redacción |
-
A xustiza avala a catalogación da Lanzada como praia natural e protexida
Por Redacción |
-
A posta en valor da torre e o xacemento da Lanzada, proposta aos fondos europeos Next Generation
Por Redacción |
-
Comezan na Lanzada os traballos do xeorradar cara o proxecto de musealización do xacemento
Por Redacción |
-
A Deputación fomentará o turismo arqueolóxico a través da musealización dos castros
Por Redacción |