Aprobadas as contas do 2020 na Lama cun remanente de tesourería de medio millón de euros
Por Redacción
O pleno da corporación municipal da Lama aprobou coa maioría dos ediles do PPdeG e a abstención do único concelleiro presente da oposición, Andrés Cal de Ciudadanos, a conta xeral do 2020 cun remanente de tesorería duns 490.000 euros.
O equipo de goberno presentou ante o pleno o remate das contas do ano 2020, que contaba cun montante inicial de 1,5 millóns de euros pero que tivo unha execución final cun investimento total de máis de 3.144.000 euros e un remanente de tesourería próximo ao medio millón de euros.
O alcalde, Jorge Canda, explicaba que estas contas favorables se derivan das xestións municipais para conseguir recursos e investimentos procedentes doutras administracións, que fixeron posible que se duplicase o orzamento total empregado en servizos e infraestruturas no Concello da Lama.
Jorge Canda salientou tamén que a media de pago de calquera factura que chega ao Concello é de 14 días, moi por debaixo dos prazos máximos que marcaban as normas de estabilidade orzamentaria previstas polos Ministerio de Facenda "o que ven a demostrar ás claras que estamos nunha moi boa situación económica, de tranquilidade e sen tensións de tesourería o que nos permite atender todas as facturas en tempo máis que razonable", indicou o alcalde.
Por outra banda, o pleno aprobou tres mocións presentadas polos ediles do Partido Popular referentes á necesidade de instar ao Goberno central a tomar medidas fronte aos elevados prezos da enerxía eléctrica; outra pedindo a anulación de impostos que entraron en vigor en 2021 e a non poñer en marcha os aumentos e novos tributos incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia enviado a Bruxelas; e a terceira en apoio á asignación de recursos do programa Next Generation para iniciativas ligadas ao ámbito da mobilidade sostible en concellos de menos de 50.000 habitantes.
No capítulo de rogos e preguntas, o concelleiro de Ciudadanos, Andrés Cal, solicitou información acerca do servizo de recollida de lixo así como polas medidas de seguridade sanitaria ante a nova onda derivada da pandemia da covid-19.
Relacionadas:
-
Aprobadas as contas do exercicio 2021 na Lama con superávit
Por Redacción |
-
Aprobados os orzamentos da Lama para 2022 cun incremento en gasto social
Por Redacción |
-
Un de cada cinco euros do orzamento municipal da Lama estará destinado á protección e promoción social
Por Redacción |
-
A Lama ten un remanente de tesourería de 642.000 euros
Por Redacción |
-
O orzamento da Lama supera o millón e medio de euros e vai centrarse en protección social
Por Redacción |