Os produtores da DO Rías Baixas poderán producir 1.500 quilos máis por hectárea
Por Redacción
O Consello Regulador de Rías Baixas aprobou o aumento na comercialización dos produtores en vista da abundante colleita prevista. A comercialización pasará dos 12.000 quilos de uva habituais a 13.500 quilos por hectárea, o que supón un aumento nos rendementos por hectárea do 12,5%.
Con esta medida proposta polo sindicato Unións Agrarias, a organización busca dotar de maiores garantías aos viticultores e evitar que estes se vexan forzados a deixar uva sen colleitar e entende que, nun ano no que as adegas carecen practicamente de stock, non tería sentido poñer trabas para que os produtores vendesen a maior cantidade posible dunha uva que ofrece todos os parámetros esixibles.
Esta modificación supón "un importante respaldo para os viticultores de Rías Baixas" así como a posibilidade de que se cree un mercado paralelo que únicamente favorecería a baixada dos prezos percibidos polos agricultores e a fraude.
A medida, que Unións Agrarias "valora moi positivamente" dende o punto de vista da preservación da viticultura social e da protección dos pequenos produtores, non se aprobaba desde 2011, polo que a organización insta a seguir traballando para dotar da máxima transparencia ás relacións entre adegas e viticultores e a reforzar os traballos de inspección e control.