Malestar veciñal ante a falta de paradas de transporte público preto do Hospital e do Virxe Peregrina
Por Redacción
A Federación de asociacións de veciños Castelao manifestou o seu malestar sobre os trazados e as paradas establecidas para o modelo de novas liñas circulares de transporte público en Pontevedra.
O presidente Juan Manuel Loureiro indica que ao colectivo veciñal lle causa "sorpresa e indignación ver como se quere trasladar información errónea ás persoas usuarias do transporte público" ao afirmar desde o Concello de Pontevedra que se unen todos os puntos de atracción peonil como centros sanitarios, administrativos, deportivos, culturais e educativos. Sinalan que esa afirmación non é certa.
Explican que o Centro de Saúde Virxe Peregrina ten as paradas máis próximas na marquesiña da Avenida de Marín ou na Avenida de Uruguai e que o Hospital Provincial tampouco se atopa comunicado porque a parada máis próxima sitúase na Praza 12 de novembro.
Lembran desde a Federación que estes dous centros sanitarios fundamentais no día a día teñen as paradas de transporte público bastante afastadas e demandan que se busquen alternativas máis próximas a estes centros.
Tamén indican que edificios administrativos como o Concello ou a Subdelegación do Goberno tampouco contan cunha parada próxima. Unha situación similar prodúcese co Edificio Azul da Rúa Benito Corbal, pertencente á Xunta de Galicia, onde se atopan as oficinas de emprego.
A esta situación, suman que os aparcamentos disuasorios, agás o do Pazo da Cultura, tampouco se atopan comunicados a través da rede de transporte presentada.
Por último, mostran a súa estrañeza porque unha das liñas finaliza o seu percorrido na rotonda de subida a Montecelo, preto da Cultural de Mourente, obrigando ás persoas usuarias do transporte público a esperar outra liña que os leve ao centro hospitalario.
Piden principalmente ao Concello, por ser a administración con máis competencia no deseño dos trazados, e á Xunta que atendan as emendas presentadas pola Federación Castelao.