Anticiclón sobre as Rías Baixas con temperaturas en descenso cara a fin de semana
Por Redacción
Este martes, Galicia atópase nunha zona intermedia entre as altas presións dos Azores e as baixas localizadas sobre as Illas Británicas, segundo indica o servizo de Meteogalicia. As néboas predominaron ao principio da xornada, retrocedendo ao longo da mañá para deixar unha tarde de ceo con alternancia de nubes e claros en xeral, máis aberto canto máis ao sur da provincia. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 15 graos mentres que as máximas manteranse nos 28, cun lixeiro descenso. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte.
Durante o mércores 28 está previsto que continúe a situación intermedia das Rías Baixas entre as altas e as baixas presións. O día comezará con nubes baixas e néboas en numerosos puntos de Galicia, que irán desaparecendo ao longo da mañá coa apertura de ceos despexados no sur de Pontevedra. As temperaturas mínimas descenderán ata os 13 graos e as máximas estableceranse en 27 graos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte, con intervalos de moderado pola tarde na zona das Rías Baixas.
O predominio anticiclónico manterase durante o xoves con ventos do norte frouxos, con intervalos moderados nas Rías Baixas. As temperaturas manteranse sen grandes cambios entre os 13 e os 26 graos. A tendencia é que durante a tarde o ceo permaneza despexado.
Xa na xornada do venres 30 espérase a chegada dunha fronte fría pouca activa que rozará o norte da comunidade autónoma. Na zona sur de Galicia, a tendencia será que os ceos se atopen nubrados durante a mañá e con apertura de claros ao longo da tarde. As temperaturas oscilarán entre 13 e 22 graos, continuando a baixada das temperaturas máximas. O vento soprará frouxo de compoñente oeste, variando cara ao compoñente norte co avance da xornada.
A situación pouco variará de fronte ao fin de semana, con presenza de altas presións e ventos do norte. O ceo atoparase máis despexado en toda a zona sur de Galicia e as temperaturas manteranse entre os 14 e os 24 graos. Este estado meteorolóxico manterase durante os primeiros días de agosto.