Protesta de traballadores de ENCE polas rúas de Pontevedra demandando a mesa de diálogo
Por Redacción & Cristina Saiz
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Este martes estaba prevista a reunión entre representantes do comité de empresa e a subdelegada do goberno Maica Larriba no edificio da Subdelegación co obxectivo de establecer unha data próxima para que se convoque unha nova reunión da mesa de diálogo para tratar o futuro de Ence con todas as partes implicadas.
A resposta recibida por parte da subdelegada é que ata setembro non se poderá establecer unha nova reunión. Segundo Pablo Bacariza, secretario do comité de empresa, esta resposta non é satisfactoria porque entenden que os prazos en que se moven son moi curtos para tomar unha decisión sobre o futuro da fábrica en Lourizán, tras a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga.
#Ante esta resposta, un grupo de traballadores que acompañaban aos integrantes do comité iniciaba arredor das 12.20 horas unha protesta trasladándose ata o entroncamento entre a avenida de Marín e a avenida das Corbaceiras. Durante o traxecto derrubaron contedores para impedir o tráfico por San Roque.
Unha vez que chegaron ao Gremio de Mareantes, os traballadores sentaron impedindo a circulación do tráfico na zona. Pablo Bacariza indica que a protesta é a solución que queda para presionar e que se convoque a mesa de diálogo porque "o peche non nos vale".
A continuación, o colectivo de traballadores iniciou unha marcha pola avenida de Marín para despois dirixirse cara ao edificio da delegación territorial da Xunta de Galicia na avenida María Victoria Moreno onde permaneceron ata pasadas as 14.00 horas nas inmediacións. Reclaman unha xuntanza urxente co conselleiro de Economía e vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, para analizar as alternativas de futuro.
MESA DE DIÁLOGO, EN SETEMBRO
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, tras o encontro cos representantes do comité da fábrica, afirmou que ao igual que xa manifestara o delegado do Goberno e a ministra de Transición Ecolóxica, o Goberno central está disposto a apoiar o mantemento dos postos de traballo da planta de Ence en Pontevedra pero, lembrou, que as sentenzas xudiciais están para cumprilas e acatalas. Indica que a última palabra corresponde agora ao Tribunal Supremo, se finalmente a empresa recorre a sentenza da Audiencia Nacional.
Trasladou tamén o compromiso de Hugo Morán, secretario de Estado de Medioambiente, de convocar unha nova xuntanza da mesa de diálogo no mes de setembro. Pero Maica Larriba amosou o seu escepticismo sobre o resultado dunha nova reunión se a propia empresa e a Xunta de Galicia, administración con competencias en materia de política industrial e de solo, evitan achegar unha alternativa á actual localización.
En todo caso, insistíu en que o compromiso do secretario de Estado é o de convocar a mesa o antes posible e analizar mesmo nese encontro o probable recurso á sentenza que a dirección de Ence xa anunciou que presentará á decisión da Audiencia Nacional contra a prórroga concedida en 2016.