Traballadores de ENCE anuncian mobilizacións e CC.OO constituirá unha plataforma de afectados polo peche
Por Manu Otero
As réplicas polo terremoto derivado da decisión da Audiencia Nacional de anular a prórroga da concesión de Ence na súa parcela de Lourizán non deixan de sucederse. Este mércores a sección sindical de Comisións Obreiras na planta anunciou novas mobilizacións que pretenden implicar a todo o colectivo de traballadores, así como a constitución dunha plataforma de afectados á que convidan adherirse a todo o tecido civil, empresarial e asociativo de Galicia para facer que prosperen os recursos de casación que se deben presentar no Tribunal Supremo antes do 28 de setembro.
A presidenta do comité de empresa de oficinas da planta, Ana Cedeira, asegura que "imos pelexar para que Ence quede en Lourizán". E as iniciativas para logralo pasan, en primeiro lugar, pola mobilización dos traballadores. Desde o comité de oficinas apelan á unidade de todos os traballadores, incluído o comité de fábrica presidido pola CIG e que ata o de agora non participou nas mobilizacións convocadas por CC. OO. A primeira terá lugar o día 7 de agosto durante a lectura do pregón das festas da Peregrina.
Con esta actuación, os traballadores queren mostrar o seu malestar coa actitude do Concello de Pontevedra, do Goberno do Estado, do BNG e do PSOE aos que sinalan como responsables da decisión dos tribunais. Os primeiros, por interpoñer a demanda; os segundos, por decidir aceptar a decisión dos xuíces fose a que fose. "Eles teñen a culpa", afirma Ana Cedeira, quen considera que na cidade do Lérez "non hai motivo para a celebración".
Doutra banda, o secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luís García Pedrosa, considera que a resposta á anulación da prórroga debe ser dobre. Por unha banda, as protestas dos traballadores. Polo outro, a mobilización da sociedade. Para logralo, desde o sindicato promoven a constitución dunha Plataforma Galega pola Permanencia de Ence en Lourizán.
No sindicato confían en poder formalizar esta entidade nun prazo de tres semanas e a súa primeira acción será a de redactar un manifesto que asinarán todas as entidades adheridas á Plataforma no que explicarán as consecuencias para Galicia da marcha de Ence e presentarano tamén como recurso ante o Tribunal Supremo. Confía o secretario de Comisións Obreas en contar co apoio de numerosos alcaldes de toda a comunidade, así como de boa parte das organizacións industriais, comerciais e sociais de Galicia.
Ao mesmo tempo, o sindicato traballa tamén na organizacións de manifestacións multitudinarias. O obxectivo é celebrar unha o 8 de outubro, coincidindo coa pronuncia do Supremo sobre o recurso contra a sentenza da Audiencia. A próxima terá lugar en Madrid. En ambas esperan reunir a todas as persoas que, dalgún modo, veríanse afectadas pola marcha de Ence de Lourizán.
Sobre a reunión da mesa de traballo polo futuro da pasteira convocada polo Goberno para os primeiros días de setembro, García Pedrosa manifestou a súa predisposición para colaborar para chegar a acordos, pero puntualiza que o apoio da sociedade e a masiva participación nas manifestacións previstas serán determinantes para conseguir a permanencia da fábrica.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Traballadores de ENCE rebentan o pregón da Peregrina e acosan á corporación municipal
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
O comité de empresa de Ence solicita formalmente unha reunión co vicepresidente económico da Xunta
Por Redacción |
-
Jorge Cubela acusa o goberno da Deputación de estar “escondido” no tema Ence
Por Redacción |
-
O BNG urxe convocar a Mesa de ENCE para buscar alternativas fóra da ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Protesta de traballadores de ENCE polas rúas de Pontevedra demandando a mesa de diálogo
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Carmela Silva pide ao Goberno central, Xunta e ENCE que senten a dialogar para "manter os postos de traballo"
Por Anxo Lourido |
-
Greenpeace: "O que urxe agora é que Ence sexa por fin realista e comece a planificar o seu peche en Lourizán de inmediato"
Por Redacción |
-
Colmenares advirte ao comité de ENCE que pechará se o recurso non prospera: "Non hai outra localización"
Por Anxo Lourido |