As sete grandes cidades galegas sitúanse en nivel alto porque "a situación epidemiolóxica continúa a empeorar"
Por Anxo Lourido
Sanxenxo, Cambados, Meaño e O Grove manteranse en nivel máximo durante a próxima semana pero non se incorporará ningún outro concello da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés a este nivel máximo a partir do sábado 31 de xullo, segundo relataba este mércores o conselleiro de Sanidade despois da reunión mantida nas últimas horas o comité clínico para revisar os datos derivados da situación epidemiolóxica.
Julio García Comesaña e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, recoñecían que a situación empeorou durante a última semana. A incidencia acumulada a 7 días é de 345 casos positivos por 100.000 habitantes e a 14 días sitúase en case 675 casos. "Creceu o número de positivos nun 62% en Galicia", indicou Durán Parrondo ao sinalar que hai unha positividade do 12,3% na comunidade autónoma. Desde o 15 de xullo o crecemento prodúcese dunha maneira máis lenta pasando dun 11,2% a un 2,6%, sinalou a directora xeral indicando que "a situación non é boa, pero parece que se enlentece o crecemento".
Hai un total de 1.700.000 galegos con pauta completa e estase realizando unha procura activa de casos positivos a través de convocatorias de cribados, indicaron. Os responsables sanitarios sinalan que a incidencia acumulada nos grupos menores de 29 anos está por encima da media española. A 14 días, a incidencia acumulada na mocidade de 12 a 19 anos atópase en 2.246 mentres que entre os 20 e os 29 anos sitúase en 2.543, pola contra o de 30 a 39 anos descende a 863, tres veces menos practicamente, e no de 70 a 79 anos establécese en 109. Carmen Durán afirmou que a área coa incidencia acumulada máis alta é a de Pontevedra-O Salnés.
Ante esta situación, o conselleiro indicou que se manterán co nivel máximo de restricións os mesmos concellos desta área que xa se atopaban nese nivel, mentres que se incorporan ao nivel alto os Bueu, Meis, Ponte Caldelas, Ribadumia e Soutomaior, dentro da área, ademais da Guarda, Moaña, Mos, Porriño e Redondela, dentro da provincia.
En canto ás cidades de Galicia, Pontevedra, Vigo, Ourense continuarán en nivel alto e incorpóranse tamén a esta franxa as da Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo. Desta forma, as sete cidades máis grandes de Galicia sitúanse no mesmo nivel de restricións.
A nivel medio ascenden dentro da provincia: A Lama, Barro, Vilaboa, Arbo, A Cañiza, Cangas, Ponteareas e As Neves. A comunidade autónoma pasará a contar a partir do sábado con 12 municipios en nivel máximo coa nova incorporación dos municipios de Baiona, Muros, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso, además de Sanxenxo, Cambados, Meaño, O Grove, A Pobra e Boiro; e 48 en nivel alto de restricións. García Comesaña insistiu en que os niveis de restrición acomodáronse para ser flexibles e dar seguridade de forma que poida continuar a actividade económica en determinados sectores como a hostalería e insistiu en lembrar á poboación xuvenil que "é un último esforzo que teñen que facer de conter a posibilidade de mobilidade, que aturen e que acudan aos cribados".
VARIANTES
Recoñecen que se produciu un cambio na variante de maior circulación. A variante Alfa ten unha presenza dun 28% en Galicia mentres que a Delta sitúase nun 66%, "espello do que sucede no resto de España e de Europa", indicou Carmen Durán.
Durante a semana anterior convocáronse a 32.000 persoas a cribados, centrándose sobre todo entre a mocidade, cunha asistencia de só un 54% e a detección de 1.278 positivos, unha "cifra elevada para un cribado poboacional", indicou a representante sanitaria. Nesta semana estanse citando a outras 33.000 persoas a través de difentes modelos de recollida de probas.
O conselleiro García Comesaña insistiu en facer un chamamento á prudencia para a poboación máis nova e recomendou que extremen as precaucións para evitar a enfermidade antes da chegada da vacina. Tamén lles solicitou que participen nos cribados para detectar casos positivos e alertou de que, nestes momentos, hai persoas con 29, 30, 37 e 40 anos en unidades de críticos con hospitalizacións de persoas non vacinadas.
Indicou que os hospitais están a ser capaces de traballar no ámbito cirúrxico e reducir os tempos de espera respecto ao ano 2020 pero recoñeceu que a "situación é preocupante" e en calquera momento estes datos poderían afectar á actividade asistencial e aos críticos cirúrxicos.
Julio García Comesaña manifestou que, segundo os datos que manexan, o 80% dos casos de contaxios prodúcense entre persoas sen ningunha vacina, o 15% entre persoas cunha soa dose e o 5% entre poboación que xa conta coa pauta completa.
ACORDO CON FARMACIAS
O conselleiro de Sanidade tamén anunciaba o acordo que a Xunta alcanzou cos Colexios Farmacéuticos de Galicia para realizar test de antíxenos entre a poboación diana coa entrega dun documento acreditativo con validez exclusiva para a comunidade autónoma que permite acceder ao interior dos establecementos de hostalería.
Neste sentido, sobre a petición destes documentos en locais de lecer e hostalería, García Comesñaa indicou que estas medidas se adoptan para preservar a este sector e "facelo seguro" evitando pechalo ao público. Lembrou que se se mantivesen as normas estritas, a partir do sábado doce concellos galegos terían pechados estes establecementos sen posibilidade de manter a actividade nin no interior nin no exterior dos locais.
Relacionadas:
-
276 farmacias da provincia procesan autotest covid-19
Por Redacción |
-
Habilitado un punto de test covid no Porto Deportivo para favorecer o acceso seguro á hostalería
Por Redacción |
-
Os casos activos de covid apenas soben (3.041) ao incrementarse o número de altas
Por Diego Espiño |
-
Os casos activos superan por primeira vez os tres milleiros (3.024), con 34 hospitalizados
Por Diego Espiño |
-
Os hospitalizados por covid-19 son 38 nunha área sanitaria con 2.873 casos activos
Por Alejandro Espiño |
-
Longas colas en Pontevedra para realizar un test de antíxenos e conseguir o certificado
Por Redacción & Cristina Saiz |