'Cunetas tendidas' para mellorar a mobilidade e seguridade en Sisán, Ribadumia
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra investiu 88.357 euros nunha serie de actuacións na estrada provincial EP-9509 na parroquia de Sisán (Ribadumia) que permitiron a mellora da seguridade viaria e da recollida de augas pluviais.
O deputado provincial Gregorio Agís e o alcalde de Ribadumia, David Castro, visitaron este mércores a zona, na que se crearon unhas 'cunetas tendidas' que permitiron optimizar o tránsito peonil ao paso polos lugares de Tabueiros e Sinsela e eliminaron pozas que se creaban nalgúns puntos da calzada.
As obras, que seguiron os criterios do modelo de mobilidade segura, amable e sostible da Deputación de Pontevedra, permitiron redeseñar as dúas marxes da estrada provincial, actuando sobre 435 metros nunha das marxes e sobre 175 metros na outra.
Coas novas cunetas tendidas resólvese o tratamento irregular e discontinuo nas beiras da estrada, onde había partes sen pavimentar e outras con beiravías.
As cunetas tendidas, cun ancho mínimo de 1 metro e unha pendente moi escasa, permiten o tránsito peonil, funcionando como unha senda, ao tempo que reducen o risco de accidente en caso de saída parcial de vía por parte dos vehículos.
As obras incluíron tamén a colocación dun colector de recollida de augas pluviais baixo as novas cunetas, achegando así unha solución á acumulación de auga de choiva nos puntos máis baixos da calzada. A nova rede de recollida está composta por tubaxes de 400 e 315 milímetros e pozos de rexistro cada 25 metros.