O PP cre que Lores "debe rectificar con urxencia" a súa insubmisión ante o "malestar" dos pontevedreses
Por Redacción
O voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, cre que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "debe rectificar con urxencia" a mensaxe de insubmisión que ven lanzando nos últimos tempos, "recoñecer o seu erro e abandonar definitivamente esa postura". Considera que debe facelo "tanto porque se trata dunha posición completamente irresponsable dun representante político como polo malestar que ten causado entre moitos pontevedreses".
"Que pensaría el se os veciños se rebelaran contra normas municipais ou por exemplo contra o uso que ten pensado facer o Concello do propio multamóbil, aínda que neste caso terían certamente motivos reais para expresar o seu enfado porque vese moi claro que o coche ten pouco que ver coa regulación do tráfico e si moito cos cartos", pregunta Moreira a través dun comunicado emitido este sábado.
Estas críticas do voceiro do PP chegan unha vez que teñen constatado que está case completo o procedemento administrativo de adquisición do multamóbil, o moderno vehículo que hai tres meses o Concello anunciou que compraría para controlar o aparcamento urbano e que previsiblemente permitirá multiplicar aínda máis a recadación municipal por sancións de tráfico. Calculan que podería estar multando a pleno rendemento a finais do presente ano ou principios do 2014.
Esta operación de compra, que o Partido Popular denunciou a semana pasada que tiña relación directa coa regulación do estacionamento no contorno dos colexios que se acaba de estrear en Pontevedra, coincide no tempo coa "sorprendente e escandalosa reivindicación" por parte do alcalde da súa insubmisión fronte a leis ou procedementos normativos que non son do seu agrado, que fixo pública en foros informais e no Pleno da Corporación do 30 de setembro.
O Partido Popular asegura que esa declaración de Lores causou inicialmente certo desconcerto entre boa parte da cidadanía, pero ese sentimento "foi mudando pouco a pouco cara ao estupor e a indignación social" ao coincidir con debates como a presión fiscal municipal ou o obvio obxectivo de incrementar a recadación da política de sancións deseñada polo rexedor a través da Policía Municipal.
Neste sentido, Moreira chamou a atención sobre a denuncia realizada polo sindicato CC.OO., que enmarcou a compra do vehículo nunha aposta do xefe da Policía Local por dar prioridade a obxectivos políticos fronte a outras funcións importantes do servizo.
Relacionadas:
-
O PP advirte que o Concello prepara as rúas da cidade para que "arrase" o futuro multamóbil
Por Oskar Viéitez |
-
Lores declárase "insumiso" ante leis "irracionais e inxustas" que vaian "contra os intereses dos cidadáns"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pregunta ao alcalde por unha posible insubmisión veciñal tras a sentenza do sinal en galego
Por Oskar Viéitez |