Da Silva: "Se Ence rebenta o pregón faltará ao respecto á pregoeira e a toda a sociedade de Pontevedra"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz
Carme da Silva, concelleira de Festas, lanzou un chamamento este xoves á dirección de Ence para evitar que se desenvolvan actos que boicoteen o pregón festivo previsto para o sábado 7 de agosto.
A concelleira, durante a presentación da programación das Festas da Peregrina, afirmou que a pregoeira Violeta Mosquera, integrante de la formación musical Bala, representa o que fai a mocidade coa súa creatividade e é un exemplo do que a xente nova leva aguantando durante a pandemia.
E por este motivo reclamou a Comisións Obreiras, que anunciou a convocatoria dunha protesta para ese sábado de inicio da Semana Grande das Festas porque, segundo indicou Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais, "nós non estamos para festas".
Da Silva pediu respecto á pregoeira e fixo un chamamento para que Ence dea as ordes precisas para que non se boicoteen as festas da cidade. "Se Ence actúa para rebentar o pregón faltará ao respecto á pregoeira e a toda a sociedade de Pontevedra, e nada ten que ver o pregón das festas coa existencia de Ence en Lourizán", apuntou a representante municipal.
"Sabemos, por situacións previas, que se a empresa dá as ordes o pregón non se rebenta e facemos un chamamento público para que sexa así", indicou a concelleira pedindo á dirección da empresa que ordene que se evite esa acción nesa xornada festiva.
Se se produce esta acción repetiríase un escenario similar ao de 2018 cando outro conflito laboral, neste caso da Policía Local de Pontevedra, desembocou na protesta dunha trintena de axentes que tensionaba o inicio das festas da Peregrina cando fixeron soar bucinas e dedicaron berros ao alcalde Fernández Lores e á concelleira Carme da Silva antes e despois do pregón da xornalista María Varela na Praza da Pedreira.
Relacionadas:
-
Carme da Silva denuncia "agresións con elevada violencia" na protesta dos traballadores de ENCE
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Traballadores de ENCE rebentan o pregón da Peregrina e acosan á corporación municipal
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Pol Granch, Café Quijano, Susana Seivane, Piedrahita, Sabela e Los Brincos, estrelas das Festas
Por Redacción |
-
As Festas da Peregrina xa teñen pregoeira: Violeta Mosquera, batería de Bala
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |