O PP pide á Deputación que se implique en renovar o abastecemento e saneamento de municipios pequenos
Por Redacción
O grupo do Partido Popular na Deputación de Pontevedra defenderá no pleno deste venres unha moción na que insta o Goberno Provincial a que dote de fondos un plan que permita a mellora das redes de abastecemento e saneamento dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
"A pandemia ten posto de manifesto a importancia vital do saneamento, a hixiene e un acceso adecuado a auga limpa para previr e conter as enfermidades", apunta o portavoz dos populares, Jorge Cubela.
Facendo fincapé na necesidade de contar con infraestruturas modernas e cun bo servizo de mantemento, o líder da oposición lembra que as deputacións provinciais teñen entre as súas competencias a coordinación da prestación de servizos de abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais en municipios pequenos.
Doutra banda, o PP reclamará tamén no pleno provincial apoio institucional e económico para a campaña de micromecenado que está a levar a cabo Cáritas para construír un albergue para persoas sen fogar en Pontevedra.