Boa Vida recibe a visita do director xeral de Inclusión Social
Por Redacción
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou as instalacións desde as que traballa en Pontevedra a Asociación Boa Vida nese mesmo ámbito da inclusión social. Un colectivo ao que o Executivo galego concedeu unha axuda de 200.000 euros co fin de poñer en marcha programas e actividades de formación e de asesoramento.
Parrado apuntou que Boa Vida "é unha das entidades coas que a Xunta colabora en Pontevedra para promover unha vida con máis posibilidades para as persoas que peor o están pasando". Do mesmo xeito que neste caso, son outras quince as asociacións e entidades ás que o Goberno galego achega axudas durante este 2021 e que supoñen un total de 900.000 euros.
O director xeral de Inclusión Social apuntou a importancia de que a administración autonómica colabore con entidades sociais para "facer de Galicia un lugar máis xusto, solidario e igualitario no que vivir" avanzando que ditas iniciativas seguirán tendo continuidade.