A mellora da eficiencia enerxética da Azucreira de Portas chega á Galiña Azul e ao centro de día
Por Redacción
A campaña de mellora da eficiencia enerxética emprendida polo Concello de Portas en varias das súas dependencias entra na súa recta final. O alcalde Ricardo Martínez supervisou este xoves os últimos retoques para optimizar a calefacción do centro de día e da Galiña Azul, así como de varias estancias do complejor da Azucreira a través da conexión de 39 novos radiadores que aproveitan mellor a calor da nova caldeira de biomasa que substitúe á vella de gasóleo.
Esta actuación ten un custo de 19.200 euros e serve para dar continuidade ao proxecto financiado con fondos europeos consistente na substitución da caldeira antiga por unha de biomasa, que supuxera un investimento de 62.225 euros dos que preto de 50.000 euros foron financiados con fondos Feder.
"Esta aposta do Concello de Portas pola redución de emisión de dióxido de carbono vai parella a toda unha serie de medidas de aforro enerxético que nos temos imposto non so con esta actuación na calefacción no complexo da Azucreira senón tamén nos últimos investimentos en tecnoloxía LED para as luminarias do alumeado público e toda unha serie de iniciativas que estamos pondo en marcha dentro do Pacto de Alcaldías sobre o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) ao que nos comprometimos e que nos permitirá acadar o obxectivo de reducir un 40% a nosa emisión de gases contaminantes no 2030", declarou o rexedor.