Pontevedra súmase en agosto ao 'plogging' para facer deporte e limpar o Lérez a un tempo
Por Redacción
Pontevedra súmase este verán ao 'plogging', unha modalidade deportiva impulsada desde Estocolmo (Suecia) que une a práctica deportiva co amor polo medio ambiente. O término é o resultado da fusión da popular palabra inglesa 'running' e da expresión sueca 'plocka upp', que significa recoller e consiste en de saír a practicar deporte e ir recollendo os desperdicios que un se vai atopando polo camiño.
Esta modalidade chega a Pontevedra con motivo duns campamentos e obradoiros medioambientais de balde organizados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural en colaboración con Carrefour.
Organizados pola escola de deportes urbáns e de campamentos Urban Culture Factory, ofrece á poboación infantil de Pontevedra e as súas familias participar en catro quendas distintas, unha por semana do 2 ao 27 de agosto.
Serán actividades de balde con grupos de ata 10 persoas. Impartiranse no número 44 da avenida Corbaceiras e as inscricións realizaranse por vía telefónica, chamando ao número 644 11 96 21, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00.
As xornadas teñen dúas fases. Primeiro haberá un achegamento dos grupos á problemática con obradoiros didácticos de concienciación, para dar sentido e comprender a importancia da seguinte fase de recollida. Neles aprenderase a clasificar e determinar a orixe dos residuos para tomar conciencia do noso impacto sobre o planeta terra e reducilo, facendo un uso axeitado dos materiais orgánicos e inorgánicos que poden atopar na súa contorna.
A segunda fase serán as xornadas de paddle surf polo río, recollendo os plásticos a flote e residuos das beiras do Lérez e da súa contorna fluvial para logo facer charlas e obradoiros co material recollido.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, destaca que se trata dunha actividade deportiva que "axuda a mellorar a saúde dos nosos ríos, mares e praias ao mesmo tempo que poñemos en valor a necesidade de ampliar a oferta de ocio do río Lérez e de devolverlle a súa relevancia para a cidade".