Educación dotará de máis servizos o instituto Luís Seoane transformando o semi soto en aulas
Por Redacción
A Xunta de Galicia investirá preto de 750.000 euros en obras de reforma do instituto IES Luís Seoane de Monte Porreiro para dotar ao centro de máis aulas e servizos.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou este venres o centro e anunciou a licitación das obras, que permitirán habilitar parte do semi soto, actualmente con uso de almacén.
Román Rodríguez destacou que a obra vai servir para dar un mellor servizo aos preto de 1.000 estudantes do centro, pois crearanse cinco aulas polivalentes, unha aula-taller, unha aula de informática, vestíbulo, almacén, aseos e vestiarios nunha superficie útil de 895 metros cadrados e construída de 1.029.
A obra terá un prazo de execución de seis meses, polo que se prevé o seu remate para o primeiro semestre de 2022.
A actuación consistirá en traballos de demolición e de desmontaxe das instalacións de fontanería, saneamento e electricidade. Así mesmo, construiranse unha escaleira nova, habilitarase un novo trazado de instalacións de fontanería e de separacións entre salas e instalaranse novos elementos de iluminación, sinalización e control de incendios.
O conselleiro enmarcou esta actuación no paquete de 84 actuacións por importe de máis de 39 millóns de euros que a Xunta de Galicia vai licitar antes de que remate o ano, das que 39 obras se executarán na provincia de Pontevedra.