Un ano do colector marrón: 730 toneladas, 2.155 fogares e 5.500 pontevedreses
Por Manu Otero
Os colectores marróns, nos que cidadáns e establecementos hostaleiros da cidade depositan os seus residuos orgánicos, chegaron a Pontevedra hai un ano. E desde entón o seu uso e aceptación non deixan de crecer. Repartidos pola cidade atópanse 91 colectores deste tipo que nun ano recompilaron 730 toneladas de restos.
O concelleiro responsable da xestión de residuos, Raimundo González, explicou este venres que están adscritos ao servizo de compostaxe nestes colectores un total de 2.155 domicilios e 223 establecementos hostaleiros, que suman ao redor de 5.500 pontevedreses que depositan a diario os desperdicios da súa cociña nestes colectores repartidos pola zona vella e centro urbano da Boa Vila.
De feito, o volume de residuos non deixa de crecer, só no mes de xuño trasladáronse á planta de compostaxe 86,5 toneladas, un ritmo que, de manterse, situaría a recollida anual por encima das 1.000 toneladas. "Seguro que somos dos concellos que máis compost produce", destaca o concelleiro. Ademais, desde a planta de compostaxe xa trasladaron ao Concello de Pontevedra a súa satisfacción "pola cantidade de residuos e pola calidade do compost porque os impropios que chegan a planta son só o 2 %", remarca.
Os usos aos que se destinan estes nutrientes son variados. Serven de abono para a viticultura na zona do Condado e Ribeiro, para a agricultura e gandería, para a xardinería e mesmo para rexenerar zonas forestais arrasadas por incendios.
Aínda así, recoñece González que o sistema aínda pode mellorar e que as queixas que reciben cínguense só á tardanza na repartición das tarxetas que permiten abrir estes colectores. "Poden solicitar por teléfono, pola web ou poñéndose en contacto coa empresa", suxire o edil como solución para aquelas persoas que non queren esperar a que os traballadores de Composta chamen á súa porta.
Pero a aposta do Concello de Pontevedra pola compostaxe non cesa. O goberno local prevé instalar en setembro oito novos centros de compostaxe comunitaria. Reforzarán zonas de sobreproducción como Campolongo, Gorgullón ou A Parda e abrirán novas zonas na contorna de Pasarón, Eduardo Pondal e Monte Porreiro.
Así mesmo, está a piques de concluír a campaña de repartición de composteiros individuais nas parroquias. Só resta o 10 % das vivendas rurais da cidade por visitar e sitúanse en Lourizán e Canicouva. Ademais ultiman unha convocatoria para repartir estes composteiros en casas de zonas urbanas ou periurbanas con hortas particulares ou en áticos con terraza.
Relacionadas:
-
Últimos días para solicitar composteiros individuais en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Pontevedra xa ten operativos 20 novos colectores de compostaxe
Por Redacción |
-
Os contedores marróns recolleron máis de 275 toneladas de residuos orgánicos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra desprega os contedores marróns para a compostaxe domiciliaria
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |