A conselleira María Jesús Lorenzana confía no sector do metal para recuperar emprego
Por Redacción
María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, destacaba este venres na súa visita á Escola de Soldadura Quattro Formación en Bueu a importancia que o sector do metal ten para recupera o emprego dentro da comunidade autónoma.
A representante da Xunta destacaba o labor formativo deste centro para formar a profesionais no sector metalúrxico co obxectivo posto na competitividade e na profesionalización dun mercado que precisa de moita especialización.
Neste sentido, Lorenzana afirmou que a Xunta prestará especial atención ao sector do metal para atender as demandas neste campo a través do estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego que ten en marcha a administración autonómica.
Actualmente, o sector metalúrxico representa o 20% do Produto Interior Bruto de Galicia, con máis de 3.700 empresas, segundo os datos do informe anual 2020 de Asime. Segundo a conselleira, hai unha previsión de crecemento deste sector do 8% durante este ano e cun aumento de demanda de emprego cualificado.
Relacionadas:
-
Pontevedra, a piques de baixar dos 5.000 parados tras un forte descenso en xuño
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada