Goberno de Poio e oposición alegarán de forma conxunta contra o proxecto de parque eólico no Monte Castrove
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, presidía este xoves 29 de xullo unha Xunta de Portavoces na que se deron os primeiros pasos para que os catro grupos da Corporación municipal traballen na elaboración dunha alegación conxunta contra o proxecto para a instalación dun parque eólico na zona do Monte Castrove.
Nesta primeira toma de contacto, os voceiros do Bloque Nacionalista Galego (Marga Caldas), PSdeG-PSOE (Gregorio Agís), Avante Poio (Silvia Díaz) e Partido Popular (Ángel Moldes) corroboraron a postura amosada xa no Pleno ordinario deste mes, no que se impulsou unha declaración institucional en respaldo á veciñanza e ás persoas que se poidan ver afectadas por este proxecto. Na mesma, tamén se solicita á Xunta de Galicia e ao Goberno central que deneguen as autorizacións para executar esta actuación, así como unha petición á Comunidade de Montes de San Xoán, propietaria dos terreos nos que se emprazaría o parque eólico, para que tamén se opoña ao proxecto.
Na primeira semana de agosto terá lugar unha nova Xunta de Portavoces para continuar avanzando na elaboración da alegación, que terá en conta as propostas e suxestións que realicen todos os grupos.
MESA DA SANIDADE
O Concello de Poio tamén vén de remitir á Xunta de Galicia os acordos acadados na última convocatoria da Mesa da Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio, que tivo lugar o pasado 16 de xullo e na que tamén estiveron representados todos os grupos da Corporación municipal.
O edil de Sanidade e presidente deste órgano, Xosé Luís Martínez, deu conta destes acordos durante a sesión plenaria ordinaria de xullo, entre os que se atopa solicitar á Consellería de Sanidade a reposición do persoal médico e de enfermería nos centros de saúde do municipio, así como non cesar o servizo polas tardes en Anafáns durante o mes de agosto.
Ademais, o Concello tamén solicita o mantemento de dous pediatras e que se dote de cobertura permanente ao persoal médico que compaxina o seu labor en Anafáns e en Combarro. Por último, os integrantes da Mesa tamén acordaron instar á Xunta de Galicia para que dote de máis efectivos aos centros de saúde, co fin de evitar o colapso telefónico que se está a producir na actualidade á hora de prestar o servizo non presencial aos usuarios.
Relacionadas:
-
A corporación de Poio ultima a elaboración da súa alegación conxunta contra o proxecto do parque eólico do Castrove
Por Redacción |
-
Convocada unha reunión telemática para abordar a situación do proxecto do parque eólico do Monte Castrove
Por Redacción |
-
Representantes do BNG visitan o Monte Castrove para mostrar a súa oposición ao proxecto de parque eólico
Por Redacción |
-
Unanimidade no pleno de Poio contra o proxecto de parque eólico do Monte Castrove
Por Redacción |
-
Recollida de sinaturas contra o parque eólico previsto en Castrove
Por Redacción |
-
Proxectan un parque eólico de 587 hectáreas e catro aeroxeradores no Monte Castrove
Por Alejandro Espiño |