Máxima precaución nos viñedos ante a posible aparición de mildio
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro lanza unha alerta fitosanitaria na que advirte que nas viñas de albariño máis adiantadas xa se pode ver o brillo incipiente nos primeiros acios. En canto ao mildio, o persoal da Estación non detectou cambios nas parcelas da súa rede que se manteñen limpas a nivel dos acios, pero non das follas.
A recomendación que se fai desde a EFA é continuar coa vixilancia e tratar as viñas máis afectadas nas que aínda reste tempo para entrar no pintado. Do mesmo xeito, nas viñas máis danadas é conveniente retirar os acios afectados para evitar que se instalen sobre eles fungos oportunistas de podremia á vez que se reducen os tempos e gastos da vendima.
Doutra banda, é de esperar que o oidio non prospere nos próximos días na provincia e que unicamente poidan aparecer novos danos en zonas nas que previamente existen infeccións mal controladas. No que respecta ao black rot tampouco se observaron cambios e lémbrase que é conveniente eliminar os acios afectados por este patóxeno.
Nas viñas visitadas polo persoal da EFA apareceron algúns grans afectados pola botrite, aínda que de forma moi esporádica. Por iso aconsellan que nas variedades máis sensibles e onde se detecten danos por perforacións de lobesia ou doutra natureza extrémese a vixilancia.
Así mesmo, tampouco detectaron cambios significativos na afectación do buxo, aínda que lembran que debe extremarse a vixilancia porque noutros sebes que si poden verse afectados e se o están deben aplicar un tratamento.
Relacionadas:
-
Viñas libres de mildio pero coa ameaza da avespa asiática e as avelaíñas
Por Redacción |
-
Excedente arbóreo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro enriquecerá o Parque de Riomaior
Por Redacción |
-
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro doará especies vexetais para os xardíns públicos da provincia
Por Oskar Viéitez |