Catro persoas resultan feridas en dous accidentes na parroquia cambadesa de Oubiña
Por Redacción
Tres novos foron trasladados, durante a madrugada deste sábado, ao Hospital do Salnés ao sufrir un accidente cando viaxaban pola estrada PO-300, á altura da parroquia cambadesa de Oubiña.
Segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias do 112 Galicia, o sinistro rexistrábase minutos antes das 05.30 horas. O coche envorcaba saíndose da vía.
No vehículo viaxaban unha condutora, de 20 anos, que sufría dor cervical e corte no brazo esquerdo; e outras dúas persoas de 20 anos, que se queixaban de dor cervical, lumbar e torácico, nun caso; e de dor na man esquerda e o pómulo dereito, no caso da outra persoa ferida. As tres vítimas do accidente foron evacuadas ao Hospital do Salnés polo 061, segundo información facilitada polo servizo municipal de Protección Civil de Cambados.
Ata o lugar trasladábase unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e Atestados.
POSITIVO EN ALCOHOLEMIA NOUTRO ACCIDENTE EN OUBIÑA
O servizo de Emerxencias de Cambados tamén interviña noutro accidente de tráfico que se rexistraban na EP-9002 na mesma parroquia de Oubiña.
Neste caso producíase un impacto entre dous vehículos. Os axentes da Garda Civil de Tráfico acudiron ao lugar do accidente e abrían dilixencias porque no control de alcoholemia, unha das persoas que conducía deu positivo.
A condutora do outro turismo, de 43 anos de idade, foi evacuada por unha ambulancia do 061 ao Hospital do Salnés con diversos traumatismos. Ao accidente tamén acudía e colaboraba a Policía Local de Cambados.