Interceptan dous mozos de Vilagarcía na AP-9 trasladando seis quilos de marihuana
Por Redacción
Axentes da Garda Civil detiñan dous mozos, veciños de Vilagarcía de Arousa, como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. Ambos eran sorprendidos cando circulaban pola autoestrada nun turismo no que portaban seis quilos de marihuana.
Os feitos producíanse esta semana nun punto de control de vehículos establecido por efectivos da patrulla de seguridade cidadá da Compañía da Garda Civil Pontevedra na peaxe da autoestrada AP-9 na cidade do Lérez.
Os integrantes do control comprobaron unha actitude sospeitosa por parte dos dous ocupantes dun dos vehículos interceptados no dispositivo. Ante esta actitude, os axentes realizaron unha minuciosa inspección do vehículo.
A droga atopábase no maleteiro en dous sacos de plástico, que contiñan os seis quilos de marihuana repartidos en seis envoltorios de menor tamaño, segundo indican fontes da Garda Civil.
Ao superar considerablemente a cantidade máxima considerada para consumo propio, os axentes procederon á detención do condutor do turismo e do seu acompañante como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas.
Os detidos son dous mozos, de 20 e 21 anos, residentes no municipio de Vilagarcía, que contan cun amplo historial de antecedentes policiais relacionados coa tenencia ilegal de estupefacientes. Ambos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Cangas do Morrazo.