VÍDEO.- A tartaruga Vilán xa está recuperada e regresa ao mar
Por Almu Dapena
Esta fin de semana deixounos unha estampa para lembrar, a liberación dunha tartaruga mariña na boca da Ría de Arousa despois de completar a súa recuperación nas instalacións da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) e da Xunta de Galicia.
Partindo de Cambados, Vilán, que así se chama o exemplar, embarcou este sábado no Chasula ao redor das 9:00 horas para posteriormente ser liberado.
A tartaruga foi localizada o pasado 25 na bomba de succión de auga mariña da granxa acuícola de Cabo Vilán, en Camariñas, de aí o nome. Os responsables da instalación en canto detectaron a súa presenza recollérona e deron a alerta.
Naquel momento, medía 29 centímetros e pesaba 1.650 gramos, polo que o equipo veterinario determinou que non tiña graves lesións. Foi trasladado nun primeiro momento á UCI de tartarugas mariñas que a Cemma ten en Nigrán, onde foi sometida a unha serie de probas ata que se recuperou con normalidade e foi capaz de alimentarse por si só.
Unha vez que a súa evolución foi máis que favorable, o seguinte destino de Vilán foi o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar e localizado na Illa de Arousa. Alí, tanto profesorado como alumnado, dedicáronse a coidala e aseguráronse de que se atopaba en bo estado de saúde en todo momento.
Recuperada e preparada para saír á mar, a tartaruga Vilán deixou o 'hospital' este sábado, regresando ao seu medio natural aproveitando a condición favorable da auga.
Galicia, paso oceánico no camiño das tartarugas mariñas
As tartarugas mariñas procedentes de áreas de cría do Caribe teñen o seu paso oceánico polas costas de Galicia para, despois de moitos anos, regresar á súa praia de orixe para reproducirse.
Segundo informou o Cemma, este ano detectaron gran presenza destes animais. En concreto, xa son seis os exemplares de tartaruga común que localizaron nas costas galegas desde o mes de xaneiro, valores próximos á media anual de sete que contaban desde o ano 1990.
En total, nos últimos 20 anos rexistraron máis de 120 tartarugas mariñas vivas, 10 delas de coiro ( Dermochelys coriacea), exemplares de ata dous metros de lonxitude e 400 quilos de peso, atopadas en cabos e aparellos de pesca. O resto foron tartarugas comúns ( Caretta caretta) de entre 20 e 70 centímetros, varadas no seu maior parte nas praias e que, tras ser tatadas, o 74% dos casos regresou ao mar.