Luciano Sobral recibe á Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mantivo este luns un encontro cos integrantes do colectivo Camiño Universal a Santiago de Compostela, que, como vén sendo habitual ao longo dos últimos anos, inician o Camiño de Asia desde o municipio de Poio.
Desde aquí, partirán cara a capital galega, atravesando diferentes municipios da provincia de Pontevedra.
A expedición está formada por persoas de diferentes localidades e idades. Cómpre lembrar que esta asociación é recoñecible por realizar o Camiño portando rosas brancas, como símbolo de paz.
Como xa é tradición, o alcalde Sobral agradeceu aos participantes o feito de escoller Poio como unha das súas paradas ata Santiago e destacou a importancia do municipio dentro do contexto do Xacobeo, toda vez que forma parte da Variante Espiritual do Camiño Portugués, feito polo cal cada verán atrae a un gran número de peregrinos.
O encontro do rexedor coa expedición do Camiño Universal tivo lugar nas inmediacións da capela da Virxe da Renda, logo de que os e as excursionistas fixeran noite nas instalacións do IES.
Desde a súa posta en marcha no ano 2006, a Asociación Camiño Universal a Santiago de Compostela veu elixindo Poio como punto de saída para cubrir parte do Camiño Asia, tal e como explican os seus responsables. Ao igual que sucedeu na edición de 2020, nesta ocasión tamén se adaptou a realización do Camiño ás medidas decretadas polas autoridades sanitarias contra a pandemia da Covid-19.
Relacionadas:
-
O Camiño de Santiago segue recuperando peregrinos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva pide "financiación estable" para os concellos e que o Camiño siga crecendo
Por Redacción |
-
O Plan Xacobeo destinará 5 millóns a reformar o convento de San Francisco e o mosteiro de Lérez
Por Redacción |