Conceden unha axuda de 30.000 euros para a modernización do saneamento en Laxedo
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de conceder unha axuda para a modernización do saneamento no lugar de Laxedo, no concello da Lama.
Esta achega foi concedida ao abeiro da orde para estas actuacións orientadas aos municipios de ata 5.000 habitantes.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a aprobación destas achegas, outorgadas por Augas de Galicia, nunha visita realizada este mediodía á Lama xunto ao alcalde, Jorge Canda.
"A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está comprometida coa mellora dos servizos de subministración de auga potable e saneamento, malia tratarse de competencias municipais e por iso establece constantes liñas de colaboración cos concellos, como é o caso desta nova convocatoria, que vai cofinanciar máis dun cento de proxectos en toda Galicia", explicou Luis López.
No caso da Lama, a achega realizada pola Xunta, que ascende a case 30.000 euros, orientarase á mellora da rede de saneamento no lugar de Laxedo, pertencente á parroquia de Covelo.
Estas axudas servirán para sufragar gastos realizados dende o pasado 1 de xaneiro e inclúen tanto o investimento directo na execución das obras como os gastos asociados a elas, entre os que poden figurar o control de calidade ou a dirección dos traballos.
Estas achegas están financiadas co eixo React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.