Os hostaleiros de Cuntis reciben 1.000 euros como axuda pola pandemia
Por Redacción
Os hostaleiros de Cuntis recibirán unha axuda para paliar as consecuencias da pandemia.
En concreto trátase dunha achega ao sector servizos de fondos municipais pero canalizados a través da Xunta de Galicia para outorgar unha maior seguridade xurídica e axilidade burocrática, sinala o goberno local.
En total serán 23 os hostaleiros que poderán acceder a unha axuda de 1.000 euros.
Esta actuación entra dentro do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para a adhesión ao sistema de concesión de axudas directas ao sector da hostalería cuxos negocios se viron afectados por peches de actividade ditados polas autoridades sanitarias por mor da covid-19.
A recepción desta partida únese a outras medidas adoptadas pola administración local para colaborar cun dos sectores máis afectados pola pandemia, entre as que tamén destaca a supresión das taxas pola instalación de terrazas ou pola recollida de lixo.