'Violencia Zero' instalala un mural reivindicativo en Bueu
Por Redacción
O Centro Social do Mar de Bueu conta desde este martes cun mural de grandes dimensións titulado "A contradición como potencia", realizado por Milu Correch. A artista levou a cabo esta obra no marco do programa da Deputación "Mulleres en Acción. Violencia Zero".
A inauguración contou coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva; a deputada de Igualdade, Victoria Alonso; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; e membros da corporación local.
Neste mural, ao igual que na meirande parte da obra de Milu Correch, a muller xoga un papel destacado, a través de dúas figuras femininas abrazadas, arroupándose e apoiándose, nunha escena na que se intúe unha situación de vulnerabilidade e abatemento por parte dunha delas. A artista deixa na mirada das persoas espectadoras as distintas interpretacións que esta situación pode ter.
Ademais, o mural amosa corpos femininos afastados dos estereotipos impostos pola sociedade e que normalizan e poñen en valor a diversidade nas persoas. Durante o seu proceso de creación, Milu Correch estivo acompañada pola veciñanza de Bueu, quen se interesou en todo momento pola obra e a quen a artista agradeceu o agarimo que lle amosou durante os días que estivo subida a un guindastre para poder chegar a todos os recunchos da fachada lateral do Centro Social do Mar.
Na súa intervención, a presidenta quixo lembrar ás 28 mulleres asasinadas por violencia machista no que vai de ano e puxo a xuño como exemplo dun "mes negro" con nove feminicidios. "Se os asasinatos foran por calquera outro motivo estaríamos na rúa dicindo que é insoportable. Non son cifras, son mulleres con nome, apelidos e fillas e fillos que quedan orfos", declaraba.
O alcalde de Bueu subscribiu as palabras de Carmela Silva ao asegurar que "a forza das mulleres a nivel mundial é algo imparable aínda que segue habendo contradicións na sociedade posto que aos homes tamén nos custa cambiar esas mentalidades nas que fomos educados e coas que medramos". Para Félix Juncal o Centro Social é agora un lugar "transformado que se converteu nun espazo de igualdade" e deixou sobre a mesa a posibilidade de renomear a praza fronte á que se sitúa o mural como "Praza de Igualdade".
Relacionadas:
-
O alumnado do colexio do Toural reflexiona sobre a violencia machista
Por Redacción |
-
Renovado o protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero en Bueu
Por Redacción |
-
Marín reflexiona sobre os "malabarismos" das mulleres para poder conciliar
Por Redacción |
-
Un mural en Caldas para denunciar unha sociedade que "maquilla" a violencia machista
Por Redacción |
-
Cuntis e a Deputación reivindican a "violencia zero"
Por Redacción |
-
'Mulleres en Acción. Violencia Zero' regresa en Marín cun berro contra a violencia machista
Por Redacción |