O PP considera que o plan estratéxico para a cidade chega tarde e critica que se faga con Zona Franca de Vigo
Por Redacción
A firma dun acordo de colaboración entre o Concello e Zona Franca de Vigo para a redacción dun plan estratéxico para Pontevedra e a súa área non sentou nada ben nas filas do grupo municipal do Partido Popular. Rafa Domínguez criticou este mércores con dureza esta decisión. "Dous anos tardou a concelleira de Promoción Económica en decidir que necesita axuda externa para mellorar a competitividade económica de Pontevedra e considera que a mellor opción é buscala no presidente provincial do seu partido", sinalou o portavoz da oposición en referencia a David Regades, delegado da entidade.
Tamén lle choca aos populares que redacten este documento, "á vez que se enorgullecen de ser os responsables de que 500 familias da cidade que traballan para Ence vaian ir á rúa".
Tampouco están dacordo en que o contido deste convenio quede supeditado ao PSOE de Vigo, ao que está adscrito o máximo responsable de Zona Franca. "Cremos que o Concello ten os recursos suficientes como para levar a cabo este estudo. Parécenos lamentable que despois de dous anos a concelleira aínda non tivese tempo para coñecer como está a economía de Pontevedra e teña que recorrer a un axente externo. É a proba de que o seu traballo foi máis ben pouco", declarou o dirixente popular.
No que si ha coincido Domínguez foi nas palabras do tenente de alcalde, Tino Fernández, na rolda de prensa na que se presentou este documento, na que dixo que Pontevedra non era unha cidade para só durmir e pasear. "Necesitamos que as empresas volvan á cidade para que os mozos teñan un futuro aquí e non teñan que irse, como están a facer na actualidade", rematou.
Relacionadas:
-
Tino Fernández cualifica de "patéticas" as declaracións do PP sobre a elaboración dun Plan Estratéxico para Pontevedra
Por Redacción |
-
Zona Franca analizará a economía de Arousa e O Salnés para propoñer unha folla de ruta na saída da pandemia
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Pontevedra e Zona Franca elaborarán un plan estratéxico para a capital e a súa área
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O presidente de Zona Franca ofrécese a participar na mesa sobre Ence e afirma que "non pode seguir na Ría de Pontevedra"
Por Mónica Patxot & María José Pita |