A empresa promotora do parque eólico dos Cotos terá que presentar un novo proxecto
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mantivo unha xuntanza cos presidentes das comunidades de Montes de Reboredelo, Loureiro, Carballedo e Borela para trasladarlles toda a información da que dispón o Concello sobre o Parque Eólico dos Cotos o cal presentou o pasado 27 de xullo ante a Xunta de Galicia unha modificación tan substancial do proxecto que lle obriga a iniciar, practicamente de cero, a súa tramitación.
Segundo lle explicou Cubela aos representantes veciñais na xuntanza, agora a empresa promotora deberá remitir un novo proxecto con todas esas modificacións substanciais para que sexa avaliado polos técnicos da Xunta en diversos organismos como o Inega, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética, a Secretaría Xeral de Urbanismo, entre outros, co fin de que poidan emitir os seus correspondentes informes sobre si se axusta ou non á legalidade e á normativa vixente.
Cubela informoulle aos comuneiros de que no caso de que superaran eses filtros da administración autonómica, o proxecto modificado tería que ser remitido á Xefatura Territorial da Consellería de Industria en Pontevedra para que poda ser sometido a unha nova exposición pública e, no caso de que fora necesario, tanto o Concello como os propios veciños poidan presentar as alegacións que se consideren oportunas polo que tranquilizou aos representantes veciñais sobre a pretendida urxencia de atender esta cuestión por parte dalgún afectado.
Pola súa banda, o alcalde Jorge Cubela, reiterou a máxima disposición a seguir informando con transparencia e antepoñer sempre os intereses xerais dos veciños e lugares a calquera proxecto que poida afectar á convivencia e ao modo de vida do municipio.
MÁXIMA TRANSPARENCIA
Cubela trasladoulle aos comuneiros de xeito reiterado o seu desexo de manter informados aos veciños, comunidades e grupos políticos municipais "en tempo real" de todo o que vaia sucedendo e a información á que teña acceso como alcalde para "poder trazar por consenso e dentro da unidade de acción acordada por todos o que sexa necesario".
Finalmente, o rexedor lembrou os acordos plenarios adoptados pola Corporación Municipal de Cerdedo-Cotobade de respaldo asbsoluto aos veciños e tamén de poñer a disposición deles todos os medios xurídicos e técnicos cos que conta o Concello para informar, asesorar e mesmo interpoñer calquera acción que sexa necesaria para defender os intereses xerais da veciñanza.
Relacionadas:
-
Cubela aposta por incentivar a mobilización social contra o Parque Eólico Os Cotos
Por Redacción |
-
Abren un expediente pola colocación dunha torre anemométrica do Parque Eólico Coto do Carballal
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas de Cerdedo-Cotobade apremian a Cubela para alegar contra o parque eólico "Rula"
Por Redacción |
-
O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta alegacións aos eólicos de Siroco, Tramontana e Rula
Por Redacción |
-
Unanimidade de todos os partidos en Cerdedo-Cotobade contra os parques eólicos Siroco e Tramontana
Por Redacción |
-
Asemblea veciñal para analizar a creación do parque eólico dos Cotos
Por Cristina Saiz & Redacción |