Veciños de Salcedo comezan a recuperación dos muiños do Batán
Por Diego Torrado
A Comunidade de Montes de Salcedo, a asociación veciñal Heroes do Campo da Porta e veciños desta parroquia pontevedresa non vinculados a ningún dos dous colectivos. Todos se puxeron mans á obra este domingo para a recuperación dos muiños do Batán. Son de titularidade privada, pero todos queren velos coa súa mellor faciana, de maneira que, co permiso dos donos e a intermediación do Concello de Pontevedra, comezaron a reparalos.
Os muiños están nun estado de total abandono e mesmo con fallos estruturais, pero a súa contorna xa foi mellorada a través dunha actuación do Concello e agora queren completar o lavado de cara con limpeza, cincelado ou melloras no tellado.
O conxunto dos muíños do Batán está considerado de grande interese etnográfico. Están ancorados no fermoso treito do río Batán, ou Outeiro, que discorre entre a AP-9 e a ponte do Batán, baixo a cal, segundo a lenda, se agocha tamén un fabuloso tesouro encantado.
Fórmano catro muíños de rodicio horizontal, tres deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos.
Os catro e o seu entorno serán rehabilitados. Ademais, foron escenario, este sábado, do inicio dos roteiros polo rural que organizou a Concellaría de Patrimonio Histórico. Serán catro e inaugurounos o 'Roteiro das Mouras' na parroquia de Salcedo, que ademais de ensinar aos asistentes o entorno dos muiños, levounos polo Castro das Croas, a Esculca, o Outeiro das Mouras e os muíños do Outeiro.
Relacionadas:
-
Novos achados na escavación do Castro das Croas
Por Redacción |
-
O Castro das Croas emerxe de entre as silveiras
Por Redacción |
-
Catro roteiros temáticos descubrirán os tesouros do rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Os muiños do Batán danse a coñecer unha vez rematada a posta en valor do seu entorno
Por Redacción |