Poio apraza actividades do programa cultural de verán
Por Redacción
A Concellería de Cultura do Concello de Poio informa do aprazamento de dúas actividades que forman parte do programa Descubre o teu interior, impulsado polo departamento dirixido pola nacionalista Raquel Rodríguez para ofrecer á veciñanza fórmulas de lecer pensadas para persoas de todas as idades.
Tal e como explica a propia concelleira do Goberno local, esta modificación vén motivada polas adversas previsións meteorolóxicas.
Os adiamentos afectan a dúas sesións de Festivaliño, unha iniciativa que estaba prevista que se desenvolvese na tarde deste xoves no adro da igrexa de San Salvador e o venres na Praza Alfredo Romay de Samieira. Finalmente, terán lugar o luns 9 e martes 10 de agosto, respectivamente.
O Festivaliño ofrece proxeccións de cine infantil nunha caravana itinerante, incluíndo, ademais, obradoiros, espectáculos musicais, rodaxes e moitas outras sorpresas. A primeira sesión desta actividade celebrouse o pasado mércores na Praza da Chousa, contando cunha gran asistencia. "Temos o convencemento de que en canto o tempo acompañe esta actividade volverá a reunir a crianzas e maiores", indica Raquel Rodríguez.
Ao igual co resto de actividades do programa de verán, desenvólvese cumprindo con todas as medidas de seguridade e hixiene que marcan as autoridades sanitarias, cun aforo máximo de 50 persoas.
Cómpre lembrar que, ademais destas sesións, tamén tivo que ser aprazada a sesión de Cinema na Rúa que se iba a celebrar o pasado martes na Praza da Granxa, en Campelo coa proxección da película Padre no hay más que uno. A choiva tamén obrigou a suspender esta cita, que se traslada ao 16 de agosto, ás 22.00 horas. O mesmo sucedeu co concerto programado para o pasado 1 de agosto do compositor de Combarro Miguel Martínez e que agora queda fixado para o domingo 15 (19.30 horas, Casa Rosada).
A iniciativa que se mantén é a prevista para este domingo, que incluirá ruadas pola mañá nas cinco parroquias, a cargo da Escola de Música Tradicional (San Salvador), as Pandereteiras do Ronsel (San Xoán), Os Queimatasas (Combarro), Vides Novas (Samieira) e a Compañía Nelson Quinteiro (Raxó). Pola tarde, ás 20.30 horas, A Seca acollerá o concerto do grupo de música e baile tradicional O Fiadeiro.