Comeza o acondicionamento interior do Centro Sociocultural de Tenorio
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro Pepe Pichel inspeccionaron a marcha dos traballos de construción do Centro Sociocultural de Tenorio, cuxos operarios acaban de rematar a instalación do falso teito e o sistema de compartimentación do salón principal.
Nestes días estase rematando o acondicionamento interior dos distintos espazos dos que disporá esta nova infraestrutura sociocultural moi demandada pola veciñanza de Tenorio e que vai cumprindo as diversas fases comprometidas pola empresa adxudicataria da obra baixo a supervisión semanal do alcalde e dos técnicos municipais do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Este inmoble, que conta cun orzamento de 620.000 euros, está a ser executado pola firma Coviastec, gañadora do concurso público e que ofreceu unha baixa de case o 6% sobre a licitación, melloras por 96.000 euros e unha garantía de cinco anos.
O recinto, ubicado entre o Centro de Saúde e o lugar de Covas, érguese sobre unha parcela de 1.670 metros cadrados e está conectado coa travesía a través de beirarrúas.
O edificio ten unha superficie construída de 560 metros cadrados e disporá dunha dobre sala con espazos de 170 e 107 metros, respectivamente, que se poderán usar de xeito conxunto ata alcanzar unha capacidade para 300 persoas.
O Centro Sociocultural tamén contará con tres aulas para accións formativas e cursos, dúas oficinas, catro aseos dos que dous serán adaptados, tres espazos de almacén e un porche.
A maiores disporá dun miradoiro interior con balcón na súa parte posterior que ofrecerá unhas vistas completas da parroquia de Tenorio e de parte do Val do Lérez.
O rexedor destacou, na recta final desta infraestrutura cultural, que a parroquia de Tenorio benefíciase de actuacións que rondan os 5 millóns de euros no último ano, xa que vén de rematarse a rehabilitación integral do colexio, e estase executando a reforma interior da Escola de Música da Banda de Tenorio, o plan de mellora de pistas, a rede de saneamento integral, a instalación da fibra óptica e a humanización da travesía interior de Tenorio así como a posta en marcha dunha fase do plan de compostaxe no municipio.
Relacionadas:
-
Inxección de 440.000 euros para completar a humanización da travesía de Tenorio
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Banda de Música de Tenorio estrea local
Por Redacción |
-
Finalizan as obras as obras na escola infantil de Tenorio ás portas do novo curso
Por Redacción |
-
Entran na fase final as obras de mellora interior da Escola de Música de Tenorio
Por Redacción |
-
As obras do centro sociocultural de Tenorio van cumprindo os prazos
Por Redacción |
-
189.000 euros para mellorar o interior da Escola de Música de Tenorio
Por Redacción |
-
A construción do centro sociocultural de Tenorio entra na súa recta final
Por Redacción |