As Festas do Carme de Marín, un balón de osíxeno para a economía da comarca
Por Redacción
As Festas do Carme de Marín supuxeron unha valiosa inxección económica para a economía local. O formato escollido, pequeno, disperso e de apoio ao local, supuxo un investimento próximo aos 155.000 euros polo Concello.
“En todo momento apostamos pola contratación de artistas e grupos locais para a animación musical que se espallou polas rúas e prazas”, explicou a concelleira Marián Sanmartín, que tamén incidiu en que os traballos de montaxe, produción e demais cuestións relacionadas cos espectáculos festivos recaeron en empresas da vila ou da comarca.
O gasto en pasarrúas, charangas, actuacións da banda de música, as batucadas e as actuacións infantís ascendeu a 42.000 euros. Unha cantidade á que se suma o investido nos concertos e espectáculos da Praza de España e do Parque Eguren, sobre 80.000 euros. Ademais, houbo outra partida dedicada á iluminación, próxima aos 4.000 euros de investimento; e outra adicional en materia de seguridade e cumprimento das normativas covid cifrada en 15.000 euros.
"O noso obxectivo era que estas festas tamén supuxeran unha axuda para un sector, como é o cultural e o musical da nosa vila, que tamén está notando en carne propia as consecuencias da pandemia e que precisa de programacións estables que lles permitan seguir realizando a súa actividade", explicou Sanmartín.
Tamén a hostalería viuse beneficiada da confección dun programa que levou actividades de lecer, música e cultura polas diferentes prazas e rúas da vila.