Rías Baixas estima que se poderían recoller máis de 43 millóns de quilos de uva durante a próxima vendima
Por Oskar Viéitez
O órgano de control e certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou ao Pleno do Consello Regulador o Informe de Estimación de Colleita 2021 que estima para este ano unha recollida de 43,7 millóns de quilos de uvas, un 27% máis que na colleita de 2020, e cuns posibles rendementos medios de 10.455 quilos por hectárea. Unhas cifras que se traducirían en 29,7 millóns de litros.
Para a elaboración deste documento, o departamento técnico do Consello Regulador baseouse na información proporcionada por técnicos de campo das adegas da Denominación de Orixe, que supervisan o 47% da superficie produtiva.
En canto á data de inicio da vendima, o mencionado informe prevé que será a mediados do mes de setembro. Iso si, sempre en función de como evolucione meteorológicamente o mes de agosto e os primeiros días de setembro. En calquera caso, o momento óptimo virá dado polo resultado dos controis de maduración que cada unha das adegas rexistradas realicen nos seus viñedos.
O documento presentado xustifica este aumento de produción debido a unha taxa de brotación elevada e homoxénea, cunha fertilidade media-alta, unha media en valores do 91,3 %. Así mesmo sinala que as mermas deste ano foron pouco significativas, con valores medios do 10%, que se atribúen nun 5% ao corremento de flor, un 2,8% á meteoroloxía (xeadas) e un 2,4% a pragas.
En termos xerais, o ciclo da colleita 2021 en Rías Baixas, tendo en conta o momento no que se realizou este informe, presentábase con "un atraso dunha semana e media con respecto a 2020, aínda que o ciclo vitícola iniciouse cuns 10-15 días de adianto as condicións meteorolóxicas adversas do último período retardárono". Unha situación á que se chega tras "un inverno normal e moi húmido; unha primavera algo cálida e seca, así como un mes de xuño cunha primeira quincena cálida e unha última borrascosa e fría, de feito, foi un mes con precipitacións por encima do normal".
Relacionadas:
-
Rías Baixas chega ao ecuador da vendima con 28 millóns de quilos de uva recollidos
Por Redacción |
-
Esta fin de semana empeza a vendima 2021, que prevé unha colleita de uva superior ao pasado ano
Por Oskar Viéitez |
-
Que efectos terá para os viticultores a declaración da emerxencia cinexética polo xabaril?
Por Redacción |
-
Os produtores da DO Rías Baixas poderán producir 1.500 quilos máis por hectárea
Por Redacción |
-
O Consello Regulador cualifica como "moi boa" a anada 2020 de Rías Baixas
Por Redacción |