Poio abre bolsa de emprego para tres postos no novo hipermercado da Barca
Por Redacción
O concelleiro de Promoción Económica de Poio, o socialista Gregorio Agís, anuncia que este martes 10 de agosto abrirase un proceso selectivo destinado a cubrir tres postos de traballo no novo hipermercado Eroski que abrirá proximamente as súas portas no Centro Comercial A Barca, na parroquia de San Salvador.
O departamento municipal abrirá unha Bolsa de Emprego na que as persoas interesadas en optar a estas prazas quedarán rexistradas.
En concreto, estes postos corresponden ás seccións de Charcutería, Carnicería e Peixaría, segundo informa o edil.
Todas as persoas que desexen inscribirse en esta Bolsa de Emprego terán que realizar a xestión preferiblemente de xeito telemático. Para iso, terán que descargar da páxina web do Concello de Poio o formulario para tramitar a solicitude. Unha vez cuberto, esta documentación, ademais da correspondente aos méritos alegados, enviarase a través da Sede Electrónica do Concello de Poio.
No caso de que a xestión se realice de xeito presencial, resultará imprescindible solicitar cita previa.
O edil de Promoción Económica explica que, a través desta Bolsa de Emprego, búscase informar e axudar á veciñanza a participar en procesos selectivos para a obtención de emprego.
Este proceso ábrese uns días despois de que a Xunta de Goberno local dese o seu visto bo ao expediente de cambio de titularidade e de reforma do local no que se emprazará o novo hipermercado do Centro Comercial A Barca, que ocupará unha extensión duns 5.000 metros cadrados aproximadamente.
Desde o Concello de Poio avanzan que nos próximos días se realizará un proceso similar para ofertas de traballo relacionadas coa campaña da vendima 2021.