Alertan de que o único médico do Centro de Saúde de Vilalonga atende a máis de 60 persoas diarias por quenda
Por Redacción
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública denuncia que os recortes sanitarios afectan, ademais do Centro de Saúde e PAC de Baltar, aos profesionais do Centro de Saúde de Vilalonga.
Segundo indican, este centro atópase cun só médico que atende a máis de 60 persoas de media por quenda e mesmo se ve obrigado a prestar asistencia fóra do seu horario laboral para atender as demandas cidadás que tiñan unha cita concertada e co obxectivo de evitar que o PAC de Baltar se vexa aínda máis saturado como servizo de urxencias.
Este colectivo lembra que o persoal do Centro de Saúde de Vilalonga, no Revel, está formado por dous médicos con praza en propiedade, dúas enfermeiras, unha persoa de servizos xerais, unha higienista dental e unha dentista. Cada un dos médicos do centro conta cunha cota de ao redor de 1.500 persoas pero, en caso de ausencia de médico de substitución, esta cota recae nun só profesional, como sinalan que sucede durante este mes de agosto.
Ademais a esta cota de pacientes hai que sumar os que teñen cita para enfermería que precisan avaliación médica, persoas desprazadas, diagnóstico e seguimento de pacientes con covid-19, baixas laborais e PCR dos pacientes covid e dos seus contactos estreitos. Este volume de traballo, segundo a asociación, supón unha "carga burocrática brutal" e conleva un "sacrificio extra" para o facultativo.
Por este motivo, demandan que tanto o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, como o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, deixen de "botar balóns fose" e de "insultar coas súas insinuacións ás persoas que traballan polo ben da nosa comunidade", apuntan desde a Plataforma.
Aseguran que a sanidade pública atópase con déficit de persoal e que a Xunta non o evitou. Sinalan tamén que a Consellería de Sanidade ten unhas competencias que asumir e que "leva máis de 10 anos de atraso". Por este motivo, reclaman a Telmo Martín que reclame solucións para a situación que se produce neste centro sanitario.
Relacionadas:
-
Convocan unha concentración en Baltar pola falta de médicos no centro de saúde
Por Redacción |
-
Piden a destitución de José Ramón Gómez por ser o "peor xerente posible" da área sanitaria
Por Redacción |
-
Gonzalo Caballero demanda á Xunta fortalecer os servizos públicos cos cartos do fondo anticovid do Goberno de España
Por Oskar Viéitez |
-
Os profesionais sanitarios plántanse ante a continua sobrecarga de traballo de cada verán
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Convocan concentracións pola "mala xestión dos recursos humanos" na Sanidade Pública
Por Oskar Viéitez |
-
Piden a dimisión do alcalde de Sanxenxo por acusar os sanitarios de Baltar de desatender o seu traballo
Por Redacción | Creada e actualizada