Augas de Galicia limpa os ríos Gallo, Patela, Campo e Calvos ao seu paso por Cuntis
Por Redacción
Augas de Galicia está a levar a cabo durante estes primeiros días da agosto labores de conservación e limpeza nos tramos dos ríos Gallo, Patela, Campo e Calvos ao seu paso por Cuntis.
Esta intervención ten lugar despois da forte insistencia por parte do concello que levaba reclamando este tipo de actuación os últimos dous anos. Foi posible grazas a reunión mantida entre o o alcalde Manuel Campos e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na que avanzaron neste e outros temas importantes para o concello.
Estas tarefas están a realizarse nun tramo de duns 2 quilómetros de lonxitude no río Gallo, de 300 metros no río da Patela, 1,3 quilómetros no río de Campo e case 1 quilómetro para o río de Calvos na parroquia de Santa María dos Baños de Cuntis.
Os traballos forman parte das intervencións de Augas de Galicia e céntranse na retirada de árbores, ramas, madeira morta e elementos susceptibles de impedir o fluxo de auga. Tamén executan rozas selectivas de maleza.
Estas accións enmárcanse no programa de conservación e mantemento do dominio público hidráulico.
O alcalde Manuel Campos comentou que esta intervención era moi necesaria para evitar posibles inundacións na época de choiva e tamén evitar o estancamento da auga que estaban a provocar a caída de árbores mortas no cauce destes ríos.