Presentan os actos do Día da Galiza Mártir
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas, e a titular de Cultura, Raquel Rodríguez, na compaña do vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, veñen de presentar unha nova edición do programa do Día da Galiza Mártir, que o Concello organiza, en colaboración coa propia fundación, para lembrar e reivindicar a figura do histórico político galeguista, fusilado na Caeira no verán de 1936, ao inicio da Guerra Civil.
Tanto os representantes da Administración local como o directivo desta entidade teñen claro que o acto tamén serve para que "non caian no esquecemento todas e todos aquel mártires que perderon a vida por seren vítimas do réxime a represión franquista".
Como xa é tradición, o monumento erguido na Caeira será o escenario dos actos centrais da homenaxe a quen foi "un dos motores principais do galeguismo", tal e como sinala Marga Caldas, que explica que "este ano a lembranza na honra de Alexandre Bóveda cobra máis relevancia se cabe, ao cumprírense 85 anos do seu fusilamento, o 17 de agosto de 1936".
Será neste emprazamento onde se proceda, a partir das 13.00 horas, á realización da ofrenda floral, na que tomarán parte, ademais dos dirixentes municipais, representantes doutras institucións como o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial.
Tamén están previstas intervencións da propia edil de Memoria Histórica, así como de Amalia Bóveda, en representación da familia do histórico político, e das Fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, "cuxa implicación e traballo é indispensable tanto á hora de organizar este evento como para continuar divulgando e honrando o labor que realizou Alexandre Bóveda polo país", sinalou Caldas Moreira.
Á finalización do acto procederase á interpretación do himno de Galicia. A iniciativa desenvolverase cumprindo de xeito rigoroso con todas as medidas de aforo, distanciamento e hixiene que marcan as autoridades sanitarias.
SEN FESTIVO
Por outra banda, o Concello de Poio lembra que este ano o 17 de agosto non será festivo, a diferencia do que sucedeu en 2020. O ano pasado, a Corporación aprobou en Pleno elixir esta data coma festividade local, debido a que o 24 de xuño, día de San Xoán, fora decretado como festivo a nivel autonómico pola Xunta de Galicia. Deste xeito, neste 2021 os dous festivos locais corresponden ao propio 24 de xuño e ao próximo 24 de setembro, Día da Merced.
Relacionadas:
-
Poio marca o 17 de agosto e o 24 de setembro como festivos locais para o 2022
Por Redacción |
-
António Zambujo, talento para conmemorar o Día de Galiza Mártir
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Un día para a memoria histórica como "antídoto contra a cultura do silencio e contra a educación do non preguntar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |