Operarios municipais revisan o estado das vías e pistas secundarias do rural de Poio
Por Redacción
Operarios municipais traballan estes días na revisión e posta a punto de diferentes camiños e estradas secundarias pertencentes ao concello de Poio.
Nos últimos días estase a proceder ao asfaltado de sobreanchos, así como á eliminación de fochancas en aqueles firmes que se atopan máis deteriorados, tal e como explica a tenente de alcalde e responsable do departamento de Obras e Servizos, a socialista Chelo Besada.
A concelleira do Goberno local explicou que, se ben este tipo de tarefas se realizan ao longo de todo o ano, é agora na época estival cando se acentúan, aproveitando o reforzo de persoal que recibe a Administración local ao das contratacións temporais que se efectúan ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Aproveitando as boas condicións meteorolóxicas actuais, na actualidade os labores estanse centrando en pistas e estradas do interior do municipio. Así, Chelo Besada sinala que xa se actuou en varios lugares das parroquias de Combarro, Samieira e San Xoán, ademais de en núcleos como Chancelas ou Casalvito.
Neste sentido, a tenente de alcalde lembra que "nesta época do ano estas estradas secundarias soportan un maior tránsito de tráfico rodado, xa que son moitos os condutores que optan por utilizar estas vías para evitar a saturación que se rexistra na PO-308".
Estas actuacións continuarán durante todo o verán, así como a limpeza e desbroce de cunetas, que tamén se leva a cabo con regularidade. Sobre este aspecto, Besada recorda que está a disposición da cidadanía a ferramenta Liña Verde, a través da cal, mediante a instalación dun dispositivo gratuíto en móbiles ou a través da páxina web do Concello, poden dar parte de incidencias ou advertir sobre algún lugar no que sexa necesario actuar con rapidez.
"Os operarios realizan os traballos de xeito periódico e seguen unha folla de ruta, pero non hai que esquecer que Poio conta cunha extensión que roza os 34 quilómetros cadrados. É moito espazo a abarcar e, polo tanto, para nós a colaboración veciñal é unha axuda importante", indica a edil de Obras e Servizos.
Por outra banda, Chelo Besada tamén anuncia que, salvo imprevisto, a vindeira semana rematarán as obras de posta a punto no lugar da Bouza, na parroquia de San Xoán, onde se procedeu a dotar a un núcleo de vivendas de saneamento. Está pendente a dotación do novo pavimento, uns traballos que se realizarán en canto a empresa responsable retome a súa actividade.
Relacionadas:
-
Arranxos de iluminación, principal demanda rexistrada na Liña Verde
Por Redacción |
-
Luz verde para a humanización do Camiño do Casal, en San Xoán de Poio
Por Redacción |
-
Rematan os traballos para dotar de servizos básicos a un núcleo de vivendas da Bouza
Por Redacción |
-
O saneamento do núcleo poiense de San Martiño completarase a partir do outono
Por Redacción |