Pancarta no Concello contra eólicos e liñas de alta tensión
Por Redacción
A plataforma cidadá Asíeólicosnon mantiña este xoves 12 de agosto a súa primeira xuntanza co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, para trasladar a súa preocupación e preparar unha estratexia de fronte ao proxecto de creación do Parque Eólico da Rula.
O rexedor mostrou o seu apoio e de maneira conxunta instalaron unha pancarta no balcón do Concello co lema "en Ponte Caldelas nin eólicos nin liñas de alta tensión". Desde o goberno local manifestaron que levarán ao xulgado á administración que autorice estas infraestruturas no municipio, xa sexa a Xunta de Galicia ou o Goberno central.
Díaz entregou aos representantes da plataforma o informe desfavorable do arquitecto municipal a ese proxecto e o da técnica de Medio Ambiente. Ademais, trasladou ao colectivo a solicitude realizada ao Consello da Cultura Galega dun informe de impacto destas instalacións industriais sobre o patrimonio municipal.
Desde o Concello anuncian que facilitarán a elaboración das alegacións a toda a veciñanza que se vexa afectada. A plataforma avalía de maneira moi satisfactoria que o goberno local estea en contacto cun avogado sen relación laboral coas empresas eléctricas para evitar o conflito de intereses no caso de que haxa que chegar a un procedemento xudicial.
A plataforma celebra, a través dun comunicado, o clima de cooperación e a intención de chegar por parte da alcaldía ata o último recurso en contra dos parques eólicos para evitar as consecuencias negativas para os veciños. O colectivo tamén mostra a súa disposición para colaborar con persoas afectadas de concellos próximos con charlas informativas e mobilizacións de protesta.