O Concello de Ponte Caldelas rexistrou preto de mil alegacións ó Parque Eólico da Rula
Por Redacción
O Rexistro do Concello de Ponte Caldelas deu entrada a preto de 1.000 alegacións contra o Parque Eólico da Rula, situado en Cerdedo-Cotobade e que afecta ó termo municipal de Ponte Caldelas cunha liña de evacuación que remata no monte de Tourón.
Trátase das alegacións presentadas pola veciñanza do municipio no rexistro desta administración e que representan unha parte do rexeitamento social, pois houbo tamén entregas masivas de alegacións nos rexistros da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Ao rexeitamento social súmanse ós dous informes desfavorables emitidos polo arquitecto municipal e a técnica de Medio Ambiente do Concello de Ponte Caldelas e que xa foron remitidos á Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Ademais, o Concello de Ponte Caldelas solicitou un informe ó Consello da Cultura Galega sobre a afectación deste proxecto eólico sobre o patrimonio do municipio.
Segundo indica o alcalde, Andrés Díaz, o último paso, no caso de que o proxecto saia adiante, "será ir a un proceso xudicial contra a administración que permita a instalación da infraestrutura, sexa o Goberno de España ou a Xunta de Galicia".
O alcalde lembra que estamos ante "megaproxectos industriais encubertos que están a dividir intencionadamente para evitar unha correcta tramitación medioambiental, que se implantan moi preto das casas e que poden afectar gravemente á saúde e á calidade de vida dos veciños de Ponte Caldelas" polo que calquera proxecto deste tipo que pretenda implantarse no concello "vai atoparse cos informes desfavorables do Concello de Ponte Caldelas. E se con iso non é suficiente chegaremos ós Xulgados para defender Ponte Caldelas e os seus veciños".