Case 800.000 euros de fondos europeos para que Poio renove o alumeado municipal
Por Redacción
O Concello de Poio vén de acadar, grazas ás xestións realizadas desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, unha nova axuda de fondos europeos, a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).
En concreto, son preto de 800.000 euros que se investirán nun ambicioso proxecto que a Administración local vai impulsar para a renovación do alumeado público. O edil responsable desta área, o socialista Gregorio Agís, explica que esta subvención acadada a través da entidade dependente do Goberno central servirá para custear o 80% do proxecto, cuxa contía total ascende a uns 980.000 euros aproximadamente.
A Concellería de Promoción Económica foi quen de conseguir, mediante tramitación directa, subvención para seis proxectos diferentes sobre eficiencia enerxética no que vai de mandato. "Estamos a falar dun montante total de máis de dous millóns de euros en pouco máis de dous anos. Ningún outro concello de menos de 20.000 habitantes ten esta capacidade para xestionar unha tramitación que non é doada de completar", resalta Agís.
O edil do PSdeG-PSOE sinala que esta actuación proxectada dá continuidade a outras xa iniciadas neste eido, como a renovación de máis de 500 puntos de luz que se puideron acometer grazas a unha axuda de 200.000 euros achegada pola Deputación Provincial de Pontevedra.
No caso deste proxecto, "falamos dunha actuación moi ambiciosa e que xa foi aprobada polo Pleno da Corporación no pasado mes de febreiro", lembra o titular de Promoción Económica e Urbanismo.
Tal e como consta na memoria técnica, prevese proceder á substitución dun total de 2.695 luminarias, que pasarán a ser led. "Nos últimos anos xa impulsamos actuacións semellantes e o obxectivo é completar o 100% da rede de alumeado, que no noso municipio conta cun total de 6.353 unidades", sinala o concelleiro do Goberno local poiense.
A intención do Concello é que esta renovación sexa unha realidade a 30 de setembro de 2023. Gregorio Agís incide nas vantaxes de levar a cabo esta renovación. A principal ten que ver coa drástica redución no que a custes de consumo enerxético se refire.
"Estimamos que o aforro anual superará os 67.000 euros unha vez que a nova rede led sexa unha realidade", indica o titular de Promoción Económica.
Por outra banda, Gregorio Agís tamén fai fincapé noutros obxectivos que se queren acadar, como promover un consumo enerxético responsable, regulado e "perfectamente adaptado, no que a horarios e zonas se refire, ás necesidades da cidadanía", así como en promover accións en defensa do medio ambiente, seguindo as directrices da Axenda 2030.
Coa realización desta actuación, serían un total de 4.173 os puntos renovados, algo no que se vén traballando de xeito progresivo nos últimos anos. "En exercicios previos fomos habilitando centos de luminarias led, en diferentes fases. Un ano foron 714, outro 265 e outro 501". Neste sentido, o edil do PSdeG-PSOE lembra que, precisamente grazas á instalación paulatina de led e a dotación de novos contadores eléctricos, "xa fomos quen de conseguir uns aforros anuais moi importantes. Actualmente estes custes reducíronse en 350.000 euros aproximadamente, todo un fito tendo en conta as constantes subas que vén experimentando o recibo da luz, de xeito reiterado, nos últimos anos", recalca Gregorio Agís.
O responsable de Promoción Económica incide na importancia de manterse na liña iniciada polo Concello nos últimos anos no que a aposta pola eficiencia enerxética se refire.
Relacionadas:
-
Flinq Ingeniería redactará o proxecto para a renovación de preto de 2.700 luminarias en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Poio marcou no 2021 o seu mínimo de gasto en luz
Por Redacción |
-
Comeza a tramitación para renovar máis do 40% do alumeado público de Poio
Por Redacción |
-
Case trescientos novos puntos de luz LED incorpóranse ao alumeado público de Poio
Por Redacción |
-
O Servizo de Orientación Laboral de Poio asesorou máis de 700 persoas no último ano
Por Redacción |
-
Nova achega do IDAE para instalar caldeiras de pellets en instalacións municipais
Por Oskar Viéitez |
-
Marcón e Mourente cambiarán a LED máis de dous mil puntos de luz
Por Alejandro Espiño |
-
Poio prevé reducir un 80% da factura eléctrica co cambio a LED do alumeado público
Por Redacción |
-
Poio recupera 420.000 euros investidos na mellora da estrada entre Portosanto e Campelo
Por Redacción |
-
Poio obtén máis de 250.000 euros do IDAE para as obras do núcleo do Xuviño
Por Redacción |
-
Poio gastou 476.803 euros en consumo eléctrico en 2020, o máis baixo nos últimos 8 anos
Por Redacción |