Notable descenso de casos de coronavirus durante a fin de semana na Boa Vila
Por Oskar Viéitez
A pandemia está a dar un respiro ao concello de Pontevedra que, en sintonía co resto de muncipios da área sanitaria, esta vivindo un notable descenso no número de casos rexistrado durante esta quinta onda do coronavirus.
Este domingo o número de casos activos de Covid-19 na Boa Vila é de 479. Onte sábado curáronse 50 persoas e hoxe domingo outras 34 máis.
O Servizo Galego de Saúde notifica este domingo 15 de agosto 1.532 pacientes con infección activa de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son 108 casos menos que onte sábado mentres que se confirmaron 90 novos casos por probas diagnósticas de infección activa.
Aumenta a presión hospitalaria. O número de pacientes hospitalizados é de 30 persoas atendidas na área sanitaria. Delas 26 están no Hospital Montecelo, 1 no Quirón Saúde Miguel Domínguez e 3 no Hospital do Salnés. Oito deles están ingresados en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).
O resto das persoas que contraeron o virus, 1.494 casos, atópanse illados nos seus domicilios con sintomatoloxía leve ou asintomáticos.
Desde o inicio da pandemia 18.851 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19. Nas últimas 24 horas curáronse 198 persoas.
Non se produciron falecementos durante as últimas horas nesta zona sanitaria, de maneira que continúan sendo 193 os pacientes falecidos desde que se notifican as mortes con motivo da pandemia.
En canto á realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 696 o que eleva o total na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ás 286.662.
A estas probas súmanse as 119.902 probas de antígenos e outras 105.636 probas de detección realizadas ata a data.
GALICIA
A melloría tamén é destacada en Galicia que perde 620 casos activos nun só día, a maior cifra desde febreiro.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 14.055 deles 4.416 son da área da Coruña, 1.475 da de Lugo, 896 da de Ourense, 1.532 da de Pontevedra, 3.379 da área de Vigo, 1.439 da de Santiago e 918 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 61 están en UCI, 262 en unidades de hospitalización e 13.732 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 153.909 persoas curadas, rexistrándose 2.514 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.661.649.
O número de dose de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.778.553.