Viñas libres de mildio pero coa ameaza da avespa asiática e as avelaíñas
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzaba o pasado venres 13 de agosto un novo aviso fitosanitario no que destaca que os acios das viñas están xa no pintado, polo que a excepción dos rebuscos, xa non son sensibles ao mildio. Malia a elevada pluviometría desta campaña, o persoal da EFA non detectou novos síntomas nas súas parcelas de seguimento, salvo nas plantas testemuña. Así, considerando as previsións meteorolóxicas que anuncian tempo seco, a Estación estima que non é preciso renovar as intervencións.
Doutra banda, detectouse un forte incremento na presenza de síntomas de oídio, tanto en folla como en pampo, nalgunha planta testemuña e nun gromo non tratado dun predio do Salnés. Aínda que convén manter a vixilancia, o fungo xa non pode afectar aos acios, polo que en principio non serán necesarias máis aplicacións fronte a esta enfermidade.
Nas viñas visitadas polo persoal da EFA apareceron tamén algúns grans afectados pola botrite, aínda que de xeito moi esporádico. Non obstante, comezan a observarse os primeiros danos nos grans dalgunhas zonas causados pola avespa asiática, de xeito que se o tempo se volve inestable debería plantexarse a aplicación de funxicidas de curto prazo de seguridade ou mesmo a aplicación de produtos naturais.
Ademais, segundo informan dende a Estación, é preciso non perder de vista as avelaíñas do acio, máis polos danos indirectos que se poden producir pola aparición de botrite e outras incidencias da uva que polos danos directos que poden causar as perforacións desta praga. Respecto aos cicadélidos, a semana pasada recolléronse os dous primeiros adultos do mosquito "scaphoideustitanus", causante da enfermidade da flavescencia dourada, nunha viña en ecolóxico situada na rede de seguimento da EFA no concello de Salvaterra de Miño, o que motiva a recomendación dun tratamento fronte ao insecto nesa viña.
Finalmente, aconséllase manter a vixilancia do buxo, para previr a aparición da "polilla do buxo" (cydalimaperspictalis). Na maioría das sebes e plantas observadas xa se observan follas novas e sas, sen indicios das eirugas. Non se agardan danos de importancia, pero hai que manter a vixilancia especialmente nas plantas onde aínda non se vexan follas brotando e en bo estado.
Relacionadas:
-
Temor aos primeiros síntomas de mildio co crecemento de gromos nas viñas das Rías Baixas
Por Redacción |
-
A Deputación entra de cheo no turismo científico coa 'Ruta da Ciencia Areeiro'
Por Redacción |
-
Os danos da velutina empezan a ser visibles nos acios de albariño
Por Redacción |
-
Máxima precaución nos viñedos ante a posible aparición de mildio
Por Redacción |