Descubrindo Valencia
Por Marga Díaz
Estrañando mellores tempos, nos que trotábamos polo mundo sen outro pasaporte que ese documento envellecido repleto de selos estampados en letras exóticas, sorprendinme furgando nas páxinas viaxeiras da National Geographic. Mentres, imaxinaba unha nova forma de viaxar, cara a pobos pintorescos, natureza exuberante ou interesantes cidades, nun dos países máis ricos en patrimonio e cultura, consciente de que España ten aínda moitas cousas que mostrar.
Baleiramos as cámaras, cargamos as maletas e voamos cara a Valencia, a capital do Turia, unha cidade que conserva a esencia do pasado en contraste perpetuo coa arquitectura máis vangardista. De feito os Xardíns do Turia percorren a capital ata penetrarnos na Cidade das Artes e as Ciencias, onde nos agardan os edificios máis futuristas: O Palau das Artes, o Museo das Ciencias, o Hémisferic (enorme cinema dixital en 3D), ou o fascinante mundo submarino do Oceanographic, obras do arquitecto valenciano Santiago Calatrava de gusto incontestable, aínda que non exentas de polémica.
Bañadas polo lago deseñado aos seus pés, estas construcións acompañan ao fermoso xardín do Humbracle ou ao ponte d'Asut d'Or. Aquí pola noite a cidade vólvese máxica e regálanos unha experiencia preciosa ao camiñar coas luces reflectindo os fermosos perfís nas augas da lagoa.
Ao amencer, antes de que aperte a calor penetramos na Valencia máis auténtica, onde a pegada do Modernismo logrou conxugar un fermoso acento decadente co coidado exquisito de rúas e edificios. A concorrida Estación do Norte e o animado Mercado Central son algúns dos seus mellores expoñentes. No mercado ademais de adquirir produtos típicos da gastronomía valenciana, vai sorprender a variedade de cores de froitas e hortalizas que se funde entre o bulicio de vendedores e clientes.
Outro referente da vida valenciana é o Barrio do Carmen na Ciutat Vella, onde podemos atravesar a antigas porta das Torres de Quart e de Serranos penetrando nas rúas pequenas do casco antigo, no que despunta a torre barroca da igrexa de Santa Catalina como un guía visible desde calquera punto, para chegar ao corazón valenciano.
A un paso asoma a Catedral, unha mestura de estilos na que predomina o gótico, aínda que con elementos do románico tardío e modificacións posteriores, renacentistas, neoclásicas e barrocas. Segundo a tradición na fermosa capela do Santo Cáliz gárdase o Santo Graal. Os frescos renacentistas do Altar Maior, co seu coro de anxos tocando instrumentos musicais, e as portas do retablo pintadas ao amorne son outras marabillas que fan da Catedral unha visita imprescindible, á parte do reclamo do emblemático Micalet e as súas fantásticas vistas.
Moi próxima, na Praza do Arcebispo, a Cripta Arqueolóxica do Cárcere de San Vicente Mártir acolle unha experiencia sensorial moi interesante: os restos da antiga cripta na que se encarcerou ao Santo. A visita transcorre entre luces e sombras mentres a voz suxestiva dunha proxección audiovisual consegue trasladarnos a épocas afastadas e escuras.
Tras esta asombrosa viaxe ao pasado onde a lenda de San Vicente Mártir cobra tinguiduras de novela histórica negra, volvemos ao bulicio da Valencia comercial, tradicionalmente privilexiada polo paso dos roteiros de oriente e occidente. Deste carácter mercantil da urbe naceu un dos edificios máis emblemáticos da cidade: A Lonxa de Mercadores.
Coñecida tamén como Lonxa da Seda, é unha fermosa mostra do gótico civil Valenciano. A súa entrada precedida por un fresco patio de naranjos anticipa a marabilla que acolle este edificio enigmático repleto de figuras e símbolos. De aí accedemos á Sala de Contratación, un labirinto de columnas que a fai tan asombrosa como bela. Atravesando unha pequena capela dedicada á Inmaculada, unha porta labrada en pedra achéganos á Sala do Tribunal con saída tamén ao patio. As escaleiras exteriores dan acceso ao Consulado do Mar onde se conserva un belo traballo en tons dourados e policromados do artesonado da antiga Casa da Ciudad, hoxe desaparecida.
A planta alta da Torre foi utilizada ademais como cárcere de mercadores para quen non pagaban as súas débedas, así que é fácil deixarse levar pola imaxinación ata a Venecia Shakesperiana, onde a falta de pago do mercador case lle fai perder a honra e ata a súa propia carne.
Abandonamos a Lonxa coa sensación de deixar atrás uns tempos algo truculentos, e cambiando de aires camiñamos as rúas do centro ata atoparnos cunha das grandes prazas valencianas, a do Concello, onde se celebra a Mascletá entre construcións modernistas e de estilo ecléctico como o Palacio de Comunicacións (Casa de Correos) e outros edificios emblemáticos como a propia Casa do concello coa súa torre do reloxo apuntando ao ceo.
Desde aquí nun paseo de poucos minutos chegamos a un dos recunchos con máis encanto de Valencia: a Praza Redonda, un pequeno espazo que comparten tendas de artesanía e de produtos típicos con bares de tapas ou cafeterías, representa como ninguén o belo contraste entre tradición e modernidade.
Deixando paso á cultura, sempre presente en cada viaxe, Valencia ábrenos un amplo abanico de opcións, imposibles de abarcar en poucos días.
O Museo de Belas Artes, que acolle obras de grandes mestres como Murillo, Velázquez, Goya ou Van Dick e por suposto Sorolla e outros grandes artistas valencianos, é unha boa opción para comezar o día.
Podemos continuar polo Museo Arqueóloxico da Almoina que nun dicir amén nos traslada ao pasado da Valentia romana pero tamén aos antigos territorios musulmáns ou á Valencia máis cristiá.
E se buscamos algo menos intenso, o Museo Fallero preséntanos un percorrido pola festa valenciana, desde os seus inicios ata a actualidade, mostrando os ninots máis representativos e curiosos das Fallas.
Finalmente o Museo Nacional de Cerámica e Artes Suntuarias, confeso que o meu favorito, recíbenos cunha impoñente fachada: O Palacio del Marqués de Dos Aguas non deixa lugar a dúbidas, leste é un edificio especial. No seu interior a sucesión de salóns e cámaras decoradas con gusto exquisito e a importante colección de cerámica e pintura convérteno nunha das visitas máis recomendables da Valencia artística.
Pero a arte en Valencia vai moito máis alá do que acollen os seus museos, e aparece en cada recuncho en fachadas monumentais de igrexas como a dos Santos Juanes ou en interiores cegadores como o da excepcional San Nicolás totalmente cuberto de frescos barrocos .
En contraste, a fermosa sobriedade do románico consérvase xunto ao gótico nacente no conxunto Medieval de San Juan do Hospital: A Iglesia acolle na Capela de San Miguel unhas fermosas pinturas murais e o Cemiterio Medieval media ducia de sepulcros protexidos en arcosolios, algúns deles con restos de policromía, unha visita imprescindible que cobra especial interese á noitiña.
Deixando atrás as pegadas da Valencia artística e monumental, un paseo polos espazos verdes da cidade vai permitir un respiro nos meses calorosos, cando a canícula marca as horas centrais do día. Ademais os xardíns de Monforte, os antigos Viveiros do Xardín Real ou a Alameda, serven tamén para descubrir belas esculturas, árbores señoriales e algúns das pontes máis emblemáticas que atravesan a cidade.
Pero non hai que esquecer que Valencia é unha cidade abocada ao Mediterráneo e por tanto conserva ese carácter aberto e desenfadado, así que nas noites de verán cando a cidade vólvese máis amigable sen o bochorno da humidade e das altas temperaturas, desprégase unha infinidade de opcións para o lecer. Cafés, pubs e restaurantes compiten coas terrazas da Praza da Raíña, onde probar a orchata fresca ou unha variedade de xeados fronte á impresionante portada da Catedral. E ao virar a esquina, na Praza da Virxe, as terrazas son outro clásico punto de reunión ao aire libre, xunto á monumental Fonte do Turia que case incita ao baño.
Os días pasan e antes de regresar quédannos as últimas opcións nos arredores de Valencia, ou non tanto, porque a Malvarrosa co seu amplo paseo a pé de praia está a un paso do centro. Alí poderemos gozar un deses momentos únicos probando unha boa paella ou un arroz á banda á tardiña.
A Albufera é outro dos lugares emblemáticos de Valencia onde nos debemos desprazar en coche ou en bus. Podemos achegarnos directamente ao embarcadoiro ou baixar na parada dun das aldeíñas contiguas e desde aí camiñar para tomar unha das barcazas que ofrecen paseos, algo que soa demasiado a "turistada" pero en verdade merece a pena. Entrar no humidal e navegar coa lenta cadencia que permite a lagoa, co único son de fondo das aves que habitan a Albufera é unha experiencia relaxante moi recomendable.
Un final de viaxe sosegada despois do trafego dunha cidade tan polifacética e chea de vida como Valencia.
Relacionadas:
-
Tras as pegadas do conde Drácula: chove en Transilvania
Por Marga Díaz |
-
Nadal á napolitana
Por Marga Díaz |
-
A terra de trasnos, mouras e outros estraños habitantes
Por Marga Díaz |
-
Marga Díaz, colaboradora de PontevedraViva, publica unha reportaxe en National Geographic sobre Ons e Cíes
Por Redacción |
-
Paisaxes da España descoñecida
Por Marga Díaz |
-
Egeria: a primeira viaxeira, muller e galega
Por Marga Díaz |
-
Romanía: a sorpresa de Europa
Por Marga Díaz |
-
Berlín: cultura, integración e vangarda
Por Marga Díaz |