Tan só catro concellos da área sanitaria seguen en nivel alto: O Grove, Bueu, Ponte Caldelas e Meis
Por Natalia Puga
Ningún municipio de Galicia está xa en nivel máximo de restricións pola elevada incidencia da covid-19 e a partir do próximo sábado haberá tan só 33 en nivel alto. Deles, catro están na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Trátase do Grove, Meis, Bueu e Ponte Caldelas.
Esta nova situación, que entrará en vigor a partir da medianoite do venres 20 ao sábado 21 de agosto, supón suavizar o nivel de restricións en boa parte da área sanitaria, pois deixan o nivel alto Sanxenxo, Meaño, Cambados, Marín, Poio, Pontevedra, Portas, Soutomaior, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.
A partir do sábado, pasarán a estar en nivel medio, na área sanitaria, A Lama, Portas, Cambados, Marín, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio e Soutomaior.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este mércores desta situación nunha rolda de prensa na que deu conta das decisións adoptadas na reunión do comité clínico de expertos sanitarios que asesora á Xunta da Galicia na xestión da pandemia. O encontro celebrouse esta mañá -habitualmente era as tardes dos martes- e demorouse durante varias horas, ata preto das dúas da tarde. Ao seu lado, compareceron o xerente do Sergas, José Flores Arias, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.
Na comparecencia, o conselleiro indicou que a situación epidemiolóxica de Galicia "estable e con tendencia descendente" e nos últimos días baixou a incidencia acumulada en todas as áreas sanitarias galegas. A pesar de todo, non é o momento de baixar a garda nin de confiarse, senón que convén ter moi en conta as medidas se seguridade básicas de uso de máscara, distancia social e hixiene de mans. "O virus segue activo e contaxiando", advertiu.
O comité clínico adoptou medidas relativas aos aforos nos establecementos de hostalería e lecer nocturno tras a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de anular a medida de que pedir certificado covid na hostalería. Foi necesario "realizar axustes" xa a pasada fin de semana con normas transitorias e a partir do sábado entrarán en vigor medidas novas que relaxan as limitacións.
O acordo do comité implica que nos concellos en nivel máximo os establecementos hostaleiros continuarán pechados no seu interior e terán un aforo máximo do 50% do seu exterior; e no caso dos locais de lecer nocturno, permanecerán tamén pechados no interior e poderán ter un aforo do 75% no exterior.
Nos concellos en nivel alto, establécese o 30% de ocupación no interior e o 75% nas terrazas na hostalería en xeral e no caso do lecer nocturno haberá as mesmas medidas que en nivel máximo, pechados no interior e cun aforo do 75% no exterior.
No nivel medio, fíxase o 50% no interior e o 100% no exterior para a hostalería e no lecer nocturno haberá tamén un 50% de aforo en interior e menos, o 75%, nas terrazas.
En nivel medio baixo, nos establecementos de hostalería o aforo fíxase no 75% no interior e o 100% nas terrazas e no lecer nocturno o interior dos establecementos quedará limitado ao 50% e permitirase o 100% no seu exterior.
O conselleiro lembrou que os grupos de persoas no interior limítase a un máximo de 6, e a un total de 10 persoas no exterior.
Relacionadas:
-
O TSXG argumenta o seu rexeitamento ao certificado covid: non ven ecuánime "demonizar ao sector de servizos de hostalería"
Por Natalia Puga |
-
Este venres a hostalería nocturna emprende unha reactivación "psicolóxica máis que económica"
Por Redacción |
-
1.211 casos activos, segue a curva descendente de infeccións na área sanitaria
Por Redacción |
-
Sen motivos para a relaxación con 63 pacientes con covid-19 nas UCI galegas, un de só 16 anos
Por Natalia Puga |
-
A hostalería segue sentíndose sinalada, prexudicada e farta da discriminación ao lecer nocturno
Por Manu Otero & Natalia Puga |
-
Sanidade empezará a vacinar a próxima semana aos menores de 14 a 16 anos
Por Natalia Puga |
-
Progresa o descenso de casos activos e de persoas ingresadas por covid-19 nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
Descenden os pacientes na UCI pero aumentan os ingresos nos hospitais da área por covid-19
Por Redacción |